Adxudicado en 98.000€ o Plan de Roza das vías rurais

As tarefas realizaranse en 750 quilómetros de estradas e pistas das 54 parroquias do concello durante tres meses

O desbroce “mellora as comunicacións, a seguridade viaria e a comodidade dos conductores, ademais de previr incendios, o que en definitiva mellora a calidade de vida dos veciños e veciñas do rural”, subliñou Miguel Fernández

A Xunta de Goberno aproba o alleamento mediante poxa pública de 56 vehículos abandonados que foron retirados polo Concello por un importe total mínimo de venda de 6.700€

Mércores, 30 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal, Miguel Fernández, informou de que a Xunta de Goberno celebrada este mércores aprobou adxudicar á empresa Servizos Agrícolas Moure SL o Plan de Roza das vías rurais do municipio deste ano por un importe de 98.000€, ao presentar a oferta máis vantaxosa, cun prezo por quilómetro de 130,56€ e a incorporación de dous tractores a maiores da cantidade mínima esixida nos pregos que rexeron a contratación, establecida en 8. As tarefas realizaranse en 750 quilómetros de estradas e pistas das 54 parroquias de Lugo durante tres meses.

Miguel Fernández subliñou que coa roza “melloramos as comunicacións, a seguridade viaria e a comodidade dos conductores, ademais de previr incendios, o que en definitiva mellora a calidade de vida dos veciños e veciñas que viven no rural, algo fundamental para dinamizar economicamente  as parroquias e fixar poboación”.

Poxa pública por 56 vehículos abandonados

Na sesión de hoxe, a Xunta de Goberno aprobou tamén o prego de cláusulas administrativas que rexerán o procedemento de licitación para o alleamento, mediante poxa pública, de 56 vehículos abandonados que foron retirados polo Concello. O prezo mínimo de venda da totalidade dos vehículos é de 6.720€. O prazo de presentación de proposicións será de 15 días naturais contados dende a publicación do anuncio no Perfil do Contratante, na web municipal (www.lugo.gal)

Prórrogas

A Xunta de Goberno deu luz verde así mesmo á prórroga de catro contratos por un período de un ano cada un: máquinas de vending en instalacións municipais, explotación das cafeterías do CEI Nodus e do parque Rosalía de Castro, e servizo de mantemento conservación e explotación dos sistemas de control de tráfico do Concello (importe de (156.800€).

Tamén se acordou a modificación do convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo, a UNED, o Concello e o Consorcio Universitario do Centro Asociado da UNED para a posta en marcha da sede lucense da UNED no antigo Hotel Miño. Os cambios son os seguintes: a ampliación do período –de 12 a 20 anos- no que o Consorcio da UNED reembolsará á entidade provincial a cantidade de 1,3M€ e o compromiso da Deputación de achegar 150.000€ para dotar ao centro do material tecnolóxico audiovisual e informático, así como de todo o necesario para garantir o seu correcto funcionamento.

Noticias relacionadas