Adxudicadas as obras de pavimentación e servizos en 11 vías públicas e unha urbanización, enmarcadas no Plan Único da Deputación

Manuel Núñez deu conta este xoves destas obras, financiadas nun 70% pola entidade provincial e un 30% pola local. As actuacións, que se licitaron en 5 bloques, acometeranse tanto en zona urbana como rural

Xoves, 14 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Adxudicadas as obras de pavimentación e servizos en 11 vías públicas e unha urbanización, enmarcadas no Plan Único da Deputación

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, deu conta este xoves da adxudicación, por parte da Mesa de Contratación, das obras de pavimentación e servizos en 11 rúas e unha urbanización do municipio, tanto da zona urbana como rural, enmarcadas no Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos, impulsado polo Goberno da Deputación. Trátase de tarefas financiadas nun 70% pola entidade provincial e un 30% pola local, cun prazo de execución de tres meses a partir da sinatura do contrato.

Concretamente, as actuacións, que se licitaron en cinco bloques diferentes, acometeranse na rúa Flor de Lis (no barrio de Abella), na urbanización Bellavista (na parroquia de Esperante), nas rúas Filgueiro, Mestre Méndez, Da Silva, Mazaira, Das Pías, Casas Vellas (na zona da Abella) Fonmiñá e Piñeiral (nas Gándaras) e rúas Xesta e do Freixo (no centro). Trátase de obras demandadas pola veciñanza e de consenso político, moitas delas solicitadas por distintos grupos da Corporación.

As tarefas e o investimento, tanto de licitación como o de adxudicación, son as seguintes:

1. Pavimentación e servizos (tanto de abastecemento como de saneamento) na rúa Flor de Lis

  • Orzamento licitación: 76.244,44 €
  • Orzamento adxudicación: 54.019,24 €

2. Pavimentación e ampliación da rede de abastecemento na urbanización Bellavista. A maiores tamén contempla a reposición dunha parte da rede antiga.

  • Orzamento licitación: 134.565,85 €
  • Orzamento adxudicación: 91.370,73 €

3. Pavimentación de vías públicas: rúa Filgueiro, rúa Mestre Méndez, rúa da Silva, rúa Mazaira -o tramo que non ten saída-, rúas das Pías e tramo da rúa Casa Vellas

  • Orzamento licitación: 72.404,49 €
  • Orzamento adxudicación: 51.804,94 €

4. Pavimentación e servizos en rúa Fonmiñá e rúa Piñeiral

  • Orzamento licitación: 128.597,77€
  • Orzamento adxudicación: 91.946,69 €

5. Pavimentación e servizos en rúa da Xesta e rúa do Freixo. Contempla reposición do firme e substitución do abastecemento e saneamento

  • Orzamento licitación: 121.376,77 €
  • Orzamento adxudicación: 85.991,69 €

Obras de accesibilidade

Manuel Núñez anunciou que o Concello traballa na mellora de accesibilidade na Ronda da Muralla, nun tramo comprendido entre Montero Ríos e Nicomedes Pastor Díaz, co obxecto de substituír o adoquín actual e crear así unha ruta accesible. Actualmente, a entidade local traballa no proxecto destas obras, que dan resposta a unha demanda de Auxilia. 

Audio

  • Manuel Núñez, sobre o Plan Único da Deputación | Descargar mp3

Noticias relacionadas