Adxudicadas obras de pavimentación de seis rúas por 214.000 euros

As actuacións, que comezarán en menos dun mes, acometeranse na rúa Fisterra, Camiño de Romai, Camiño de Friás, Rúa do Peto, Rúa do Cuco e rúa Virxe dos Ollos Grandes

A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación do programa de intervención e pedagóxico Aprende Xogando, co que se garante a prestación deste servicio de conciliación familiar e laboral ata finais deste 2015

Mércores, 08 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno deu este mércores luz verde á adxudicación das obras de pavimentación de seis rúas -Fisterra, Camiño de Romai, Camiño de Friás, Rúa do Peto, Rúa do Cuco e Virxe dos Ollos Grandes-, unhas obras que contan cun investimento de preto de 214.000 euros, segundo informou o voceiro municipal, Miguel Fernández.

Estes traballos, que comezarán en menos de un mes, teñen un prazo máximo de execución de 30 días. A adxudicación realizouse mediante procedemento aberto.

Os importes de cada obra e a empresa adxudicataria son os seguintes:

  • Rúa Fisterra: 10.551,20€. Asogal.
  • Camiño de Romai: 27.268,56€. Asogal.
  • Camiño de Friás: 16.654,44€. Asogal.
  • Rúa do Peto: 90.124,99. J. Mauri e Hijos
  • Rúa do Cuco: 33.638€. Probisa Vías y Obras
  • Virxe dos Ollos Grandes. 35.695€. Probisa Vías y Obras

Conciliación laboral e familiar

Por outra banda, a Xunta de Goberno de hoxe aprobou a adxudicación do programa de intervención e pedagóxico Aprende Xogando, co que se garante a prestación deste servicio de conciliación familiar e laboral ata finais deste 2015. Fíxase esta data, igual que en todas as contratacións relacionadas con servicios sociais, “porque será nesa data cando a Xunta teña que aclarar se asume ou non as competencias neste eido”, explicou o voceiro municipal.

O programa, que se imparte nos centros Uxío Novoneyra, Maruja Mallo, María Balteira e no local de propiedade municipal situado no parque da Milagrosa, ten unha importante acollida, con entre 30 e 35 nenos por quenda, que son atendidos por entre 2 e 3 monitores.

Está dirixido á procurar o desenvolvemento da personalidade das nenas e nenos a través do xogo e do xoguete, fomentar a práctica do xogo en grupo, axudar á integración dos menores con necesidades específicas mediante o xogo e a realización de actividades de animación infantil.

O desenvolvemento deste programa ata finais de ano ten un orzamento de case 123.000 euros, e del ocuparase a Fundación Camiña Social.

O programa Aprende Xogando “enmárcase na nosa aposta polo benestar e as políticas sociais, un dos eixes fundamentais do traballo que desenvolveremos dende o Goberno local”, asegurou Miguel Fernández.

A Xunta de Goberno aprobou así mesmo impoñer unha penalidade de 1.062 euros á empresa adxudicataria das obras de mellora de saneamento nas rúas Monte Adairo e Pía Páxaro por non cumprir os prazos de execución estipulados.

Audio

Noticias relacionadas