Adxudicadas en máis de 210.000 euros obras de rexeneración do firme en tres estradas de Tirimol, Orbazai e Bocamaos

Trátase da estrada que vai dende a N-VI ao núcelo de Brea, do vial que une Adai e Orbazai e da estrada da LU-234 a Vilar. O prazo de execución é dun mes

Mércores, 04 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores a adxudicación de obras de pavimentación e rexeneración do firme de tres estradas do rural por un importe que supera os 210.000 euros, segundo avanzou o voceiro municipal, Miguel Fernández. Trátase da estrada que vai dende a N-VI ao núcelo de Brea, na parroquia de Tirimol, do vial que une Adai e Orbazai e da estrada da LU-234 a Vilar, na parroquia de Bocamaos. As obras foron adxudicadas a Portosar Galicia S.L., Construcciones Leonardo Miguelez S.L. e Asogal Construcciones S.L., por 94.481,30 euros, 104.101,06 e 11.858 euros, respectivamente. O prazo de execución para todas as obras é dun mes.

“Con estas actuacións, o Concello mellora as comunicacións no rural e a seguridade vial ao tempo que contribúe a mellorar a calidade de vida dos veciños”, asegurou Fernández, quen fixo fincapé na “decidida aposta do Concello polo rural, que representa o 80% do territorio do municipio”.

Servizo de Axuda no Fogar

Na sesión deste mécores, a Xunta de Goberno Local acordou sancionar a unha das empresas concesionarias do servizo de Axuda no Fogar, Alalás, cunha multa de 301 euros pola acreditada comisión de infracción grave. Tal e como explicou Fernández, “trátase dunha sanción consistente en falsidade ou falsificación de servizos, pois vulnerou a súa obriga de comunicar ao Concello, por escrito e de xeito inmediato, calquera alteración ou modificación nas condicións da prestación do servizo aos usuarios, así como calquera incidencia”.

Reclamacións e suxestións

Miguel Fernández adiantou que na Xunta de Goberno desta mañá deuse conta da listaxe de reclamacións e suxestións presentadas no Concello de Lugo dende o derradeiro informe, o día 10 de setembro de 2015. “Neste período recibíronse 11 reclamacións e 0 suxestións”, asegurou o voceiro. As reclamacións responden ás dependencias de Patrulla Verde, Transportes, Tarxeta Cidadá, Deportes (2), Enxeñaría, Tesourería (3) e Servizos Sociais (2). Das 11 reclamacións, 7 están resoltas e 4 pendentes (unha fóra de prazo, de Tesourería, sobre devolución de cantidades pendentes).

Audio

  • Miguel Fernández, sobre as obras de rexeneración do firme en tres estradas de Tirimol, Orbazai e Bocamaos |Descargar mp3

Noticias relacionadas