Adxudicadas as casetas e caldeiros do polbo do San Froilán

A montaxe poderase iniciar o día 12 de setembro e comezar a actividade o 30, manténdose en funcionamento ata o 1 de novembro

Luns, 29 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo vén de adxudicar as casetas e caldeiros do polbo do San Froilán ata o ano 2019, que unha vez máis nesta edición se instalarán na rúa Vila de Foz. Ao igual que o ano pasado haberá 4 casetas, quedando máis espazo libre no entorno do Parque. As 3 primeiras casetas foron adxudicadas a Bruxa Consulting S.L. por 28.030,94 euros, 25.027,30 euros e 28.030,94 euros, respectivamente. A cuarta e última foi outorgada a Torre de Núñez por 16.650 euros. Os prezos de saída para as casetas eran de 18.772,79 euros para a número 1, 17.700,06 para a 2, e 16.627,33 euros para a 3 e a 4.

En canto aos caldeiros, Bruxa Consulting S.L. tamén conseguiu os caldeiros número 2, 3 e 4, por 15.043,98 euros, 18.193,17 euros e 15.040,20 euros, respectivamente. O primeiro dos caldeiros foi concedido a Francisco Javier Irimia, por 18.193,93 euros. Os prezos de saída para estes caldeiros eran de 11.714, 22 para o número 1, 11.044,84 para o número 2, e 10.375,46 euros para o 3 e o 4.

A montaxe tanto de casetas como caldeiros, cuxas dimensións máximas serán de 33x8,80 metros para as casetas e de 11x4 metros para os caldeiros, poderase iniciar o día 12 de setembro e comezar a actividade o 30, manténdose en funcionamento ata o día 1 de novembro. Todos os postos deberán ter visibles os prezos, que quedan fixados do seguinte xeito:

- 250 gramos de polbo, 8 euros
- 200 gramos de pan, 1,50 euros
- 200 gramos de cachelos, 1,50 euros
- ¾ de litro de viño de mesa, 4,15 euros

Á hora da valoración das ofertas, o criterio foi o da oferta económica, obtendo a máxima puntuación a proposición que ofrecera o prezo máis alto para cada caseta ou caldeiro. A concorrencia pública e en sobre pechado asegura que todos os interesados partan dunhas mesmas condicións de información e polo tanto de oportunidades, asegurando un proceso transparente.

A acta sairá publicada nos vindeiros días no perfil do contratante do Concello de Lugo na páxina web www.lugo.gal

Noticias relacionadas