Adxudicada a modernización dos accesos do casco histórico con cámaras para axilizar entradas e saídas e reducir o tempo de estancia

Lara Méndez aposta por estas medidas para reducir os niveis de contaminación medioambiental, acústica e de vibracións, o que axudará a protexer o patrimonio lucense.

A empresa adxudicataria foi Informática El Corte Inglés por importe de 253.745 euros.

Substituiranse os bolardos por cámaras de lectura das matrículas, que incorporarán de maneira automática o expediente sancionador de quen incumpre.

Manteranse as actuais zonas de entrada e saída, pero reordenarase a confluencia da Rolda da Muralla con rúa Vilalba, que será de saída e entrada, ao igual que Porta Miñá.

Sábado, 23 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo adxudicou á empresa Informática El Corte Inglés as obras de modernización do sistema de control de acceso do tráfico rodado ao centro histórico por un importe de 253.745 euros. A adxudicación irá a Xunta de Goberno local do vindeiro mércores.

O novo sistema consistirá na substitución dos bolardos retráctiles actuais por cámaras de lectura das matrículas co fin de axilizar as entradas e saídas dos vehículos no centro histórico e reducir a súa estancia nel, rebaixando, seguindo a aposta da alcaldesa Lara Méndez por un Lugo máis ecolóxico, os niveis de contaminación medioambiental e de emisións de CO2, así como a contaminación acústica e de vibracións. O sistema axudará a protexer o casco histórico e o patrimonio  lucense.

As cámaras tamén incorporarán de maneira automática o expediente sancionador de quen incumpre.

A empresa gañadora do contrato foi, segundo a mesa de contratación, a mellor oferta en calidade prezo, ademais de incrementar o prazo de garantía en 36 meses a maiores do mínimo de 24 establecido como obrigatorio.

Os sistemas de control atópanse actualmente en seis zonas:

  • Porta de entrada e saída de Rúa do Progreso.
  • Porta de entrada en R/ Luís Peña Novo.
  • Porta de saída en R/ Amañá.
  • Porta de entrada en Porta de Santiago.
  • Porta de entrada na confluencia de Rolda da Muralla con R/ Vilalba.
  • Porta de saída en Praza da Constitución.

Co novo sistema, manterase as mesmas zonas e se incorpora a confluencia de Rolda da Muralla con rúa Vilalba, que será porta de entrada pero tamén de saída, ao igual que en Porta Miñá, que será porta de entrada e saída. Os cambios obrigarán, ademais de á disposición das cámaras, á reordenar o espazo urbano no tramo peonil na Rolda da Muralla comprendido entre as Rúas Vilalba e Bispo Aguirre.

Unha vez que o contrato sexa firme, o prazo para a implantación do sistema será de cinco meses

O actual sistema, xa moi amortizado ao ser do ano 2001, presenta avarías frecuentes que, nalgúns casos e debido á dificultade na dispoñibilidade dos compoñentes ao desaparecer o provedor do mercado, tarda en arranxarse. Ademais, as directrices europeas van encamiñadas á eliminación das barreiras físicas como medidas de control.  Por este motivo, o Goberno de Lara Méndez comezou a traballar neste novo sistema a finais do mandato pasado.

Os permisos de accesos se manterán como até agora cos residentes, preto de 3.000 existen na actualidade, así como cos vehículos de carga e descarga e os permisos especiais.

Noticias relacionadas