Adxudicada a instalación do alumeado ornamental de San Froilán por 19.700€ e o de Nadal, por 33.800

A iluminación festiva das patronais estará acesa do 29 de setembro ao 15 de outubro e a navideña, durante máis dun mes, do 2 de decembro ao 6 de xaneiro

Instalaranse preto de 400 elementos luminosos entre as dúas citas festivas distribuídos por toda a cidade

Venres, 15 de setembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, asinou este venres o decreto de selección da empresa Iluminaciones Artísticas Salnés SA para executar o contrato de subministro e instalación do alumeado ornamental para as festas do San Froilán e de Nadal deste ano, un contrato dividido en dous lotes cun prezo de adxudicación conxunto de 53.500€ (19.723€ o de San Froilán e 33.880€ o de Nadal).

A edil explicou que, no caso das patronais, a iluminación festiva estará colocada dende o 29 de setembro ao 15 de outubro, detallando que no caso das liñas correspondentes ao recinto feiral, empezará a funcionar o 28 de setembro, mentres que o alumeado navideño estará aceso durante máis dun mes, do 2 de decembro ao 6 de xaneiro. A instalación das infraestruturas deberá realizarse con suficiente antelación para que poida estar en servizo os días sinalados. Antes do día da data fixada para a posta en funcionamento realizaranse as probas correspondentes.

O contrato inclúe cláusulas sociais en defensa dos dereitos sociolaborais dos traballadores. Deste xeito, tal e como recolle o prego, a empresa adxudicatarias está obrigada a cumprir as obrigas impostas nas disposicións vixentes en materia laboral, en particular, o pagamento dos salarios e cotizacións a que veña obrigado, así como a cumprir as obrigas en materia de seguridade social e de seguridade e hixiene no traballo establecidas. Estas obrigas configúranse como condicións especiais de execución, polo que o seu incumprimento pode dar lugar á resolución do contrato ou á imposición de penalidades.

Dotacións mínimas

En canto ás dotacións mínimas requiridas inclúen a instalación dun total de preto de 400 elementos luminosos entre as dúas citas festivas.

No caso das festas de San Froilán, establece a colocación como mínimo de 225 arcos e 7 letreiros nas 10 portas da Muralla e en 52 rúas e prazas da cidade: avenida da Coruña, glorieta Xaquín Xocas, Fonte dos Ranchos, rúa San Roque, Adolfo Suárez, Praza Maior, estrada vella de Santiago, rúa Vilalba, rúa da Raíña, Bispo Aguirre, Xoán Montes, do Teatro, do Progreso, San Marcos, San Fernando, San Froilán, Montevideo, Bolaño Ribadeneira, Amor Meilán, Quiroga Ballesteros, Rúa Nova, Bispo Basulto, Armanyá, Rúa da Cruz, da Catedral, Bo Xesús, do Miño, Conde Pallares, Doutor Castro, das Noreas, Cidade de Vigo e Dinán, Avelino Pousa Antelo, Puro Cora, Vila de Foz, Pascual Veiga, Clérigos, San Pedro, Campo Castelo, Praza de Ferrol, Praza do Campo, Santo Domingo, Praza da Soidade, rúa Salvador de Madariaga, Praza de Bretaña, rúa Frei Plácido Rei Lemos, Mártires de Carral, escalinata de Luis Pimentel, Carril das Frores, rúa Chantada, costas e bancal do parque Rosalía de Castro, rúa Rodríguez Mourelo e García Portela. As indicacións técnicas mínimas establecen a especificidade de que os arcos correspondentes ás rúas Bo Xesús e San pedro, a praza Maior e a escalinata de Luis Pimentel, así como as portas de San Pedro e Miñá responderán a un deseño uniforme e alusivo ao Camiño de Santiago.

En canto ao alumeado de Nadal, a dotación mínima esixida é a instalación de 153 arcos e 7 letreiros en 43 puntos da cidade: Praza Maior, Campo Castelo, rúa San Pedro, Progreso, Xoán Montes, da Raíña, das Noreas, do Teatro, Clérigos, San Froilán, Amor Meilán, Montevideo, Bolaño Ribadeneira, da Cruz, Praza do Campo, rúa Bispo Basulto, da Catedral, do Miño, Doutor Castro, Conde Pallares, praza de Santo Domingo, Soidade, rúa Bispo Aguirre, Rúa Nova, Montero Ríos, San Marcos, Mártires de Carral, Concepción Arenal, Avenida da Coruña, Camiño Real, Mallorca, Quiroga Ballesteros, Ronda das Fontiñas, San Roque, Carril das Flores, confluencia de Recatelo, Carril dos Loureiros e Isaac Díaz Pardo, Parque da Milagrosa, confluencia da Avenida da Coruña con Paulo Fabio Máximo, Fonte dos Ranchos, confluencia de San Roque e avenida de Madrid, rúa Adolfo Suárez e Ponte Romana. Disponse demais o recubrimento das árbores da Praza Maior nos troncos e ramas máis importantes con cordóns led ou fíos luminosos, un deseño específico de cubrición da fachada da casa consistorial mediante o emprego de cortinas, cordóns e outros elementos formando unha estructura luminosa, un abeto artificial luminoso cunha altura mínima de 15 metros fronte á casa consistorial e a conexión da iluminación do quiosco, así como o recubrimento mediante cordóns led ou fío luminoso dun número suficientemente representativo de árbores existentes na Ronda das Fontiñas, no tramo comprendido entre o carril das Flores e o Carril do Xuízo, de xeito que forme un deseño conxunto, harmónico e continuo

Noticias relacionadas