A adxudicación do proxecto de peonalización e humanización da Calzada da Ponte impulsado pola alcaldesa aprobarase o mércores

A obra, que rexenerará os espazos desde a Ponte Romana ata a rúa Santiago, será executada por Ovisa Pavimentos cun investimento de 1,3 millóns de euros.

Lara Méndez: “A actuación permitiranos avanzar no obxectivo de que Lugo deixe de vivir as costas ao río e a mellorar unha zona degradada de enorme riqueza natural e histórica”.

Esta obra, que restrinxirá o tráfico rodado para un maior protección patrimonial, conlevará tamén a creación de espazos axardinados e actuacións na rede lumínica e de saneamento.

Sábado, 18 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A adxudicación do proxecto de peonalización e humanización da Calzada da Ponte impulsado pola alcaldesa aprobarase o mércores

O proxecto de peonalización da Calzada da Ponte Romana adxudicarase na Xunta de Goberno Local do vindeiro mércores. Será a empresa Ovisa Pavimentos y Obras que execute a obra por un importe de 1.371.748 euros e un prazo de execución de 12 meses.

Segundo a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, esta ambiciosa actuación de rexeneración e recuperación dos traxectos e espazos que van desde a Ponte Romana ata a rúa Santiago a través dun proxecto de peonalización e humanización “dunha das zonas máis fermosas da cidade e de maior riqueza histórica, nos permitirá avanzar no noso obxectivo de que Lugo deixe de vivir de costas ao bastión dun envexable patrimonio natural como é o Miño, contribuíndo a mellorar un dos principais accesos ao río e incrementando a lonxitude das sendas peonís e ciclistas para acceder á zona fluvial”, sinalou.

O ámbito de intervención abarca a explanada diante da Ponte Romana, a rúa Calzada da Ponte, o acceso desde o enlace da Volta da Viña coa N-VI e os ramais de San Lázaro e de acceso á N-VI, aínda que non se actuará no viario que se achega ata as termas porque Patrimonio non o autorizou. Actuarase nun total de 640 metros de lonxitude, que coinciden, en gran parte, co Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX.

Neste senso, a alcaldesa subliñou tamén que “esta actuación, co que se restrinxirá o tráfico rodado para protexer todo o patrimonio, enlaza con outros proxectos como a nova pasarela peonil, que axiña abriremos, ou paso soterrado baixo a N-VI, intervencións que axudarán a poñer en valor a riqueza natural e histórica desta zona da cidade”.

Este proxecto conlevará, entre outras accións, a peonalización e humanización de todo o percorrido, creación de zonas axardinadas e instalación de mobiliario urbano respectuoso coa contorna patrimonial protexida. Tamén se soterrarán os servizos que estean aéreos: iluminación pública, telefonía e baixa tensión; actuarase na rede de saneamento existente, que se atopa en mal estado e presenta diversas fugas e roturas; mellorarase a iluminación, e demoleranse os pavimentos na totalidade do ámbito de actuación, que serán substituídos por outros máis adecuados para o tráfico peonil e máis respectuosos co ámbito de protección patrimonial.

Ademais, melloraranse os dous 2 pasos inferiores existentes (en Ronda do Carme e na N-VI) – cunha grande complexidade técnica – que se rexenerarán visualmente para darlle un aspecto máis respectuoso ao ser Camiño Primitivo, ademais de proceder a dotalos de maior luz, seguindo criterios de eficiencia enerxética e de xénero.

A obra enmárcase na estratexia DUS, Muramiñae, da Muralla ao Miño, que ten como obxectivo integrar a cidade e o entorno fluvial, rompendo a discontinuidade urbana existente de norte a sur e de este a oeste. Cofinanciada nun 80% con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).  Esta estratexia que impulsa o executivo de Lara Méndez suporá un investimento de 12,5 millóns de euros en Lugo a través de distintas liñas de actuación, tanto de mellora de infraestruturas, como sociais e laborais e relacionadas coas novas tecnoloxías.

Noticias relacionadas