A actitude de Feijóo fronte aos incendios e o sector lácteo demostra que “se agocha ante os problemas do país”

“Os lucenses e os galegos queremos un Presidente da Xunta que dea solucións, sen recorrer a continuas escusas, vitimismo e evasivas”, subliñou o voceiro municipal

Venres, 14 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O comportamento e a actitude que está a adoptar o Presidente da Xunta ante a gravidade dos incendios e a situación insostible das explotacións lácteas “demostran unha vez máis que ó único que fai Feijóo ante os problemas do país é agocharse, botando sempre a responsabilidade noutros”, subliñou o voceiro municipal, Miguel Fernández.

No caso dos lumes forestais, Núñez Feijóo “apela cun falso vitimismo á colaboración cidadá e á persecución dos incendiarios, e culpa aos Concellos, algo que mesmo criticaron alcaldes do seu propio partido”, cando a realidade é que a política de incendios que desenvolve a Xunta “é un fracaso, insostible economicamente, e baseada só nun dispositivo de extinción cada vez máis fragmentado, e menos operativo e eficiente, en vez de apostar por un modelo de prevención”.

En canto á crise do lácteo, o Presidente da Xunta tardou seis anos “en darse conta de que é un problema de país; seis anos en decatarse de que as explotacións leiteiras son un dos motores fundamentais da economía galega e que, como tal, as Administracións, a central e a autonómica, non son meras espectadoras, senón que deben implicarse ao máximo para garantir que o sector lácteo siga contribuíndo ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia”.

Pero estas non son as únicas situacións que “necesitan solucións políticas urxentes e, en cambio, reciben soamente escusas, vitimismo e evasivas por parte do Presidente da Xunta”, pois o mesmo ocorre coa creación de emprego, “sobre o que Feijóo chegou a dicir que non tiña competencias”, a loita contra a violencia machista, o funcionamento da sanidade ou mesmo a promoción da lingua. “A responsabilidade sempre é de outros”, sinalou Fernández. “Os lucenses e os galegos queremos un Presidente da Xunta que afronte os problemas do país, que dea solucións, non que se agoche nin se centre na vida e circunstancias doutros partidos”, recalcou o voceiro municipal.

Audio

  • Declaracións do voceiro muncipal sobre a actitude da Xunta ante a situación do sector lácteo |Descargar mp3

Noticias relacionadas