Acordo unánime do Pleno para esixir o xulgado do social

A Alcaldesa manterá unha reunión coa Ministra de Xustiza para explicarlle as circunstancias que determinan que esta unidade é prioritaria e imprescindible dada a elevada carga de traballo existente

“Nós non cambiamos de opinión nin de necesidades en función de quen goberne en Madrid. As necesidades da cidade son as mesmas e polo tanto vamos a reivindicalas sempre, independentemente da cor política que teña o Goberno central”, subliñou Lara Méndez

Xoves, 28 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os grupos políticos da Corporación aprobaron este xoves por unanimidade unha declaración institucional proposta pola Alcaldesa, Lara Méndez, para esixir a creación dun novo xulgado social para Lugo co seguinte texto:

“Lugo conta actualmente con tres xulgados do Social, que soportan unha carga de traballo moi superior á que establece o Consello Xeral do Poder Xudicial e que, tal e como denuncia o Colexio de Avogados, obriga a establecer as vistas ordinarias xa para o ano 2021.

Contar cun novo Xulgado nesta área é unha reivindicación de toda a sociedade de Lugo que xa ven de lonxe para poder aliviar o atasco nas actuais salas, pero esta necesidade creceu coa crise nos últimos anos ao aumentar de xeito exponencial os asuntos vinculados con temas sociais e as relación laborais. Son nestes órganos onde se resolven cuestións de primeira necesidade, como pensións de fundamental subsistencia ou outras que requiren que se afronten coa maior rapidez posible, como reclamacións de salarios, indemnizacións, EREs ou vulneracións de dereitos fundamentais.

Todos os datos obxectivos avalan a creación dunha nova sala do social en beneficio da cidadanía xa que cada un dos Xulgados actuais reciben unha media de 1.150 asuntos anuais, o que significa unha sobrecarga de traballo superior ao 145%, situación que afecta a máis de 4.000 lucenses. Así o entendeu tamén a Comisión Mixta de Xustiza de Galicia, que presentou esta petición como prioritaria ante o Ministerio de Xustiza.

A Corporación de Lugo quere sumarse ao sentir xeral dos e das lucenses, que son os principais afectados pola decisión de non dispor deste necesario reforzo xudicial, xa que considera totalmente inaceptable que se obrigue a esperas de tres anos en asuntos que son de capital importancia para os dereitos dos cidadáns como os que leva a xurisdición social, temas esenciais para a vida das persoas e que son de especial preocupación nos colectivos máis vulnerables.

Por iso, a Corporación lucense mostra o seu rexeitamento á decisión do Ministerio de Xustiza e vai a instalo a que reconsidere a súa decisión, a que escoite a reclamación unánime e xusta da cidadanía e dos colectivos e axentes xudiciais e a que revoque de xeito urxente a denegación do tan necesario e prioritario cuarto Xulgado do Social para Lugo”.

Ademais, a Alcaldesa solicitou unha reunión urxente e inmediata coa Ministra de Xustiza, Dolores Delgado, co fin de explicarlle de primeira man as circunstancias que determinan que resulta prioritario e imprescindible a creación dun cuarto xulgado do social en Lugo co obxectivo de que o departamento ministerial revoque a denegación da unidade xudicial. “Nós non cambiamos de opinión nin de necesidades en función de quen goberne en Madrid. As necesidades da cidade son as mesmas e polo tanto vamos a reivindicalas sempre, independentemente da cor política que teña o Goberno central, hoxe cunha declaración institucional e en breve espero ter unha reunión coa ministra e ser o altofalante da cidade de Lugo no Ministerio de Xustiza”, subliñou Lara Méndez.

Audio

  • A alcalde Lara Méndez sobre a declaración do Xulgado do Social | Descargar mp3

Noticias relacionadas