Ábrese o procedemento de adxudicación de 10 prazas en centro de día para maiores englobada no FEESL

Mércores, 12 de maio de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno Local abriu esta mañá o procedemento de adxudicación da contratación de 10 prazas en centro de día para atención integral e normalizadora en xornada diúrna, a persoas maiores que teñen limitada a súa autonomía por motivos físicos, psíquicos ou sociais. Esta contratación está englobada no Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local.

A atención a maiores efectuarase en horario de 9.00 a 20.00 horas de luns a sábado, con servizo de almorzo, xantar e merenda, ademais dous domingos ao mes en horario de 11.00 a 17.00 horas. A duración do contrato será por un prazo dun ano e contará cun orzamento máximo de 85.867 euros o que supón un prezo mensual por praza de 715 euros.

O Voceiro do Equipo de Goberno, José Rábade, tamén indicou que nesta xuntanza procedeuse á apertura do procedemento de adxudicación da contratación das actividades de animación sociocultural levadas a cabo pola Concellería de Xuventude.

A empresa deberá prestar as actividades incluídas na programación sociocultural da Concellería así como subministro de material que se considera preciso para o desenvolvemento destas actividades: Previlugo, Casa da música, Movida alternativa xuvenil (MAX), actividades de lecer, arde lucus,... destinadas a mozos e mozas de 12 a 30 anos.

A duración do contrato será por un ano e contará cun orzamento total de 89.832 euros máximo.

A Xunta de Goberno adxudicou, ademais, a contratación do servizo de atención ao público, coordinación e desenvolvemento de actividades socioeducativas nos centros municipais da Casa das Linguas da Piringalla e Estrada da Granxa. A empresa adxudicataria é a mercantil A Billarda SL por un importe total de 92.549 euros con unhas melloras valoradas por 4.590 euros anuais.

Outros asuntos
A Xunta de Goberno aprobou tamén sete licenzas de obra, a apertura do procedemento de adxudicación para a subministración dunha furgoneta con destino a Servizos Xerais mediante operación de leasing.

Por outra banda, procedeuse á apertura do procedemento sancionador á empresa Setex Aparki S.A. pola cantidade de 41.674 euros correspondentes á porcentaxe estimada de ingreso dos meses de abril, maio, xuño e xullo de 2009. O Concelleiro explicou que se inicia o procedemento sancionador pola comisión dunha infracción moi grave recollida no artigo 26 do prego de cláusulas administrativas que rexeu na adxudicación do contrato (o non ingreso do canon correspondente).

 

Multimedia

Noticias relacionadas