Abre ao público a biblioteca do Vello Cárcere

Dende a área de Cultura organízanse clubs de lectura destinados a diferentes públicos

Maite Ferreiro: “organizaranse numerosas actividades para fomentar a lectura”

Martes, 04 de febreiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Abre ao público a biblioteca do Vello Cárcere

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitou a biblioteca do Vello Cárcere, que vén de ser aberta ao público. “Memoria histórica, banda deseñada, feminismo e patrimonio cultural son algunhas das temáticas, xunto con diversos clásicos da literatura xuvenil e infantil, que se poden atopar no fondo desta biblioteca”, indicou Maite Ferreiro, que engadiu “dende a área de Cultura traballaremos en aumentar a colección”.

A biblioteca do Vello Cárcere poderá visitarse todos os días do ano, abrindo de domingo a mércores abrirá entre de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 horas e de xoves a sábado de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00. “Ademais, organizaranse diversas actividades para fomentar a lectura”, engadiu Maite Ferreiro.

A área de Cultura organiza tres clubs de lectura destinados a distintos públicos. Terán lugar os sábados de 12:00 a 13:00 horas, cada un con temáticas distintas, que se realizarán cada 3 semanas. A participación será gratuíta, agás a adquisición dos libros, e as persoas interesadas deberán inscribirse no 982 297 195 ou no correo electrónico vellocarcere@concellodelugo.org.

“Os ratiños da Biblioteca” é o club de lectura organizado para nenas e nenos de 8 a 10 anos, onde as rapazas e rapaces desfrutarán dun momento de lectura interactivo nun espazo íntimo e especial, como a biblioteca do centro, a través das lecturas de series de clásicos da literatura infantil e xuvenil. As datas serán: 15 de febreiro, 7 e 28 de marzo, 2 e 23 de maio, 13 de xuño, 4 e 25 de xullo e 15 de agosto.

“O feminismo: tres séculos de historia” é un dos clubs organizados para público adulto, onde a través de distintas obras claves do feminismo descubriranse algúns dos aspectos fundamentais das distintas olas que conforman este movemento político e social. Realizarase nas seguintes datas: 22 de febreiro, 14 de marzo, 18 de abril, 9 e 30 de maio, 20 de xuño, 11 de xullo e 1 e 22 de agosto.

Por último, “A Memoria Histórica a través da banda deseñada” analizará algúns aspectos fundamentais da guerra civil e da ditadura franquista a través de distintos exemplares únicos da banda deseñada, un dos xéneros máis en auxe neste momento. Comezará o 29 de febreiro, e celebrarase o 21 de marzo, 25 de abril, 16 de maio, 6 e 27 de xuño, 18 de xullo e 8 e 29 de agosto.

Multimedia

  • Abre ao público a biblioteca do Vello Cárcere

Noticias relacionadas