Aberto o prazo para solicitar as axudas para asociacións sociais e transporte en taxi adaptado

O Goberno renova un ano máis o seu apoio tanto a colectivos sen ánimo de lucro como a persoas con problemas de mobilidade, cunha liña de axudas de 43.000 euros

As persoas interesadas deben presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral ata o 19 de novembro

Martes, 23 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O prazo para solicitar as axudas para asociacións sociais e transporte en taxi adaptado está aberto ata o 19 de novembro. Así o explicou a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, quen lembrou que o Goberno destina un ano máis 43.000 euros a estas axudas, coas que se da un paso máis na accesibilidade e de cara o labor altruísta das asociacións sen ánimo de lucro.

O Concello destina 38.000 euros para o tecido asociativo do municipio que desenvolve a súa actividade no eido dos servizos sociais para a realización de programas e actividades de interese xeral e sectorial e para o mantemento, conservación e reparacións das infraestruturas nas que levan a cabo o seu labor. Poderán acollerse a esta convocatoria todas as asociacións ou entidades legalmente constituídas e domiciliadas no Concello, que ademais figueren inscritas no rexistro municipal de asociacións. Tamén deberán estar ao corrente das súas obrigas tributarias, tanto estatais, autonómicas como locais, e da Seguridade Social e ter xustificado os gastos correspondentes ás subvencións concedidas con anterioridade polo Concello, entre outros.

Ademais, o Concello tamén destina 5.000 euros a persoas con discapacidade física e afectadas por graves dificultades de mobilidade para gastos de transporte en taxi adaptado. A contía máxima a cada persoa solicitante será de 800 euros anuais, a excepeción das persoas empadroadas no rural, que se establece en 1.000 euros. Entre os requisitos, terase en conta ter unha idade mínima de 4 anos, estar empadroado no Concello, e non ser porpietario de vehículo, entre outros.

Lugo é o primeiro concello de Galicia que duplica o ratio marcado pola lei autonómica de accesibilidade e supresión de barreiras, que está no 5%, contando con 5 transportes adaptados, aos que o Concello lles concede unhas axudas de 10.000 euros. Estes taxis prestan este servizo durante os 365 días do ano as 24 horas do día.

Todas as persoas interesadas en calquera destas dúas liñas de axuda poden presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello. As bases están publicadas no Boletín Oficial da Provincia e no Taboleiro de Anuncios Municipal.

Audio

  • Ana Abelleira, sobre as axudas para asociacións sociais e transporte en taxi adaptado | Descargar mp3

Noticias relacionadas