Aberto o prazo para que as empresas interesadas no subministro de material para as obras do Muramiñae Rehabilita presenten ofertas

O Goberno de Lara Méndez iniciou o proceso de contratación da maquinaria e ferramentas necesarias para a execución dos traballos, cun total de 606.000 euros
 
A licitación divídese en catro lotes: subministración de áridos e cementos; subministración de pavimentos, elementos prefabricados e formigóns; subministración de útiles de ferraxería; e alugamento de maquinaria e outros útiles

Mércores, 17 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Aberto o prazo para que as empresas interesadas no subministro de material para as obras do Muramiñae Rehabilita presenten ofertas

O Concello de Lugo abriu o prazo para que as empresas interesadas no subministro de material para a execución das obras do Plan de Emprego Muramiñae Rehabilita presenten as súas ofertas. Trátase do programa municipal de intervención socio-laboral que permitirá desenvolver, durante seis meses, obras de mellora nos dez barrios da cidade que integran a zona DUSI, ao mesmo tempo que se lle dá unha oportunidade laboral a 27 persoas pertencentes a colectivos vulnerables.

O Goberno de Lara Méndez aprobou destinar un total de 606.000 euros á contratación da maquinaria e ferramentas necesarias para levar a cabo os traballos. A licitación esta está dividida en catro lotes: subministración de áridos e cementos; subministración de pavimentos, elementos prefabricados e formigóns; subministración de útiles de ferraxería; e alugamento de maquinaria e outros útiles.

As empresas interesadas en presentar as súas ofertas poderán facelo ata o vindeiro día 21 de xullo. A duración dos contratos será de seis meses, podendo prorrogarse por un período máximo dun ano, para atender as necesidades das brigadas.

Abertas as solicitudes para a contratación de 27 persoas

O BOP publicaba o pasado luns as bases para a contratación de 3 capataces e 24 peóns, dentro do programa Muramiñae Rehabilita, abríndose un prazo de 10 días naturais para a presentación de solicitudes, que finalizará o vindeiro xoves 25 de xuño.

Na selección do persoal daráselle prioridade aos desempregados de longa duración, mulleres, maiores de 55 anos, mozos e mozas menores de 30 atendidos polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil e persoas que estean en situación de vulnerabilidade acreditada por un informe de Servizos Sociais.

En total, crearanse 3 brigadas que se encargarán de realizar labores de xardinería e arranxos medioambientais, de albanelería e pavimentación e reparación de mobiliario e infraestrutura urbana nos barrios de: Recatelo, A Cheda, A Ponte-San Lárazo, O Carme, Milagrosa, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, Abuín e Saamasas.

Ademais, o Plan estará aberto á participación cidadá, pois para levar a cabo os traballos terase en conta a opinión e suxestións da veciñanza. Para iso, habilitarase un espazo na web municipal onde deixar propostas, e tamén se repartirán folletos de papel a través dos que os veciños e veciñas poden facer chegar as súas peticións, que se irán estudando no marco dun plan de accións de barrios.

Noticias relacionadas