Aberto o prazo para participar na segunda edición de Gastroarte, que contará con 50 postos

Todos os interesados xa poden presentar as súas solicitudes, ben no Rexistro Xeral do Concello ou por correo ordinairo. O modelo de solicitude está dispoñible en www.lugo.gal

O certame de artesanía e gastronomía celebrarase durante o San Froilán no paseo central da Avenida Ramón Ferreiro

Mércores, 26 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo ten aberto o prazo de presentación de solicitudes para participar na segunda edición de Gastroarte, a feira de artesanía e gastronomía que pon en marcha a Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua para promover os produtos gastronómicos e artesáns lucenses aproveitando a afluencia de visitantes á capital durante os días de celebración do San Froilán, Festa de Interese Turístico Galego e Nacional. Gastroarte, que contará con 50 postos, celebrarase no paseo central da Avenida Ramón Ferreiro entre os días 3 e 12 de outubro, en horario de 11:00 a 00:00 horas os días 3, 4, 5, 10, 11 e 12 de outubro, e de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 23:00 horas os días 6, 7, 8 e 9 de outubro.

Todos os interesados poden presentar xa as súas solicitudes de participación, tal e como se indica nas bases publicadas o pasado xoves, 20 de agosto, no Boletín Oficial da Provincia (BOP). O prazo será de 30 días hábiles e deberán entregarse no Rexistro Xeral do Concello, na Ronda da Muralla nº 197, ou ben por correo ordinario.

A documentación presentarase en dous sobres pechados: un coa documentación administrativa (A) e outro coa oferta técnica (B). Dentro do primeiro sobre incluirase a solicitude conforme o modelo debidamente cumprimentada, que se pode descargar na web www.lugo.gal, no apartado de Perfil do Contratante. Dita solicitude deberá ir acompañada pola declaración responsable conforme o modelo de que o licitador se atopa ao corrente coas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, co Concello de Lugo e coa Seguridade Social, así como dunha fotocopia do DNI, a presentación da alta no epígrafe correspondente do IAE e o seguro de responsabilidade civil en vigor.

Dentro do sobre B incluirase a documentación que acredite os seguintes criterios de valoración: calidade e características dos produtos presentados, memoria de deseño e de dinamización do stand, recoñecemento á excelencia con premios, participación en feiras e orixe galega do produto. Para os expositores de artesanía será necesario presentar a carta de artesán. Unha comisión técnica resolverá este concurso público en setembro.

Os prezos establecidos que terá que pagar cada posto son 472 euros polo prezo público de uso do stand; 243,79 euros pola taxa por ocupación de vía pública recollida na Ordenanza Fiscal número 152; e 100 euros en concepto de fianza.

Máis información na web www.lugo.gal ou na Oficina da Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, situada na Praza Maior, 1.

Audio

  • Carmen Basadre sobre a nova edición de Gastroarte |Descargar mp3

Noticias relacionadas