Aberto o prazo de presentación de solicitude das axudas para as asociacións de carácter cultural e para as do ámbito da xuventude

O Concello destina 34.500 euros ás dúas convocatorias de axudas, que se poden solicitar dende mañá sábado e ata o día 2 de xaneiro no Rexistro Xeral do Concello

Venres, 18 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo abriu este venres o prazo de solicitude de dúas liñas de subvencións para as asociacións culturais e para as que desenvolven o seu traballo no eido da xuventude, ás que destina 34.500 euros. Todos os interesados en calquera destas dúas liñas de axuda poderán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello no prazo de quince días naturais contados dende o día seguinte á súa publicación no DOG, anuncio publicado este venres, e ata o día 2 de xaneiro.

As bases íntegras destas convocatorias de subvencións poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia, no Taboleiro de Anuncios Municipal e na páxina web do Concello www.lugo.gal

Bases reguladoras

Poderán optar a estas convocatorias todas as asociacións ou entidades sen ánimo de lucro que estén legalmente constituídas e domiciliadas no Concello de Lugo e con carácter exepcional, pooderán incluírse aquelas entidades foráneas que pretendan executar dentro do termo municipal, un proxecto para o desenvolvemento.

Segundo se trate de asociacións, fundacións ou outras entidades sen ánimo de lucro, deberán estar inscritas no Rexistro municipal de asociacións; así como que deberán estar ao corrente das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e locais da Seguridade Social, ter xustificados os gastos correspondentes a subvencións concedidas anteriormente polo Concello, desenvolver actividades que beneficien a persoas ou colectivos no eido da cultura ou á xuventude, non percibir ningunha outra subvención munipial, non solicitar subvención por un importe superior ao 95% do custo total da acción e ter presentado na Oficina de Participación Cidadá o orzamento, memoria de actividades anual e renovación dos membros da directiva.

Serán gastos subvencionables os gastos correntes necesarios para o desenvolvemento da actividade, tales como alugamentos, gastos de transporte ou adquisición de material non inventariable, entre outros.

Noticias relacionadas