Aberto o prazo de matrícula da Escola Municipal de Música de Lugo para o vindeiro curso

Manuel Núñez e Carlos Méndez presentaron as bases do proceso de matriculación para o curso 2018/2019 nas que se inclúen 910 prazas en 22 instrumentos e disciplinas ademais de 11 especialidades máis sen límite de praza

As persoas interesadas deberán presentar a solicitude de matrícula e toda a documentación requirida no Rexistro Xeral do Concello

Xoves, 05 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Aberto o prazo de matrícula da Escola Municipal de Música de Lugo para o vindeiro curso

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, e o Director da Escola Municipal de Música de Lugo, Carlos Méndez, presentaron este xoves na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías as bases para o procedemento de matrícula da Escola para o vindeiro curso 2018-2019.

Manuel Núñez destacou que “para o próximo ano académico ofrecemos un total de 910 prazas en 22 instrumentos e disciplinas diferentes. Ademais existen outras 11 especialidades sen límite de matriculados como é o caso do coro moderno, o grupo de metais graves ou a banda, entre outros”.

Así mesmo, Carlos Méndez explicou que “o prazo para matricularse no vindeiro curso está aberto ata o 4 de maio para aqueles alumnos da Escola matriculados este ano e para os estudantes de novo ingreso o prazo de inscrición será do 7 de maio ata o 15 de xuño”.

As materias que se impartirán divídense en catro bloques que conteñen as seguintes prazas: 28 de frauta traveseira; 60 de clarinete; 45 de saxofón; 10 de fagot; 6 de trompa; 18 de trompeta; 18 de trombón; 3 de tuba-bombardino; 17 de percusión; 22 de gaita; 8 de pito pastoril galego; 14 de piano; 82 de música e movemento; 180 de formación básica; 200 de linguaxe musical; 120 de formación para adultos (a partir de 16 anos); 15 de improvisación; 6 de gravación de edicións e son e iniciación á informática musical; 15 de big band; 15 de círculo de tambores; 8 de grupo percusión tradicional e 20 combo de formación de adultos.

As especialidades para as que non hai límite de prazas son: grupo de clarinetes; grupo de saxofóns; banda; banda infantil; coro moderno; grupo tradicional; grupo didáctico de pito pastoril galego; charanga; grupo de pandeiretas; grupo de metais graves e aula de técnica base metal grave.

Forma e prazo de presentación das solicitudes

As persoas interesadas deberán presentar as solicitudes no Rexistro Xeral do Concello de Lugo presentando:

  • Solicitude en modelo específico debidamente cumprimentado. No caso de alumnos/as menores de idade a solicitude deberá ir asignada pola nai, pai ou persoas que o representen.
  • Fotocopia do DNI da persoa interesada maior de idade, ou da nai ou pai, ou representante legal do menor.
  • Certificación bancaria da conta onde se desexe domiciliar o pagamento dos recibos pola utilización do servizo municipal da escola de música onde apareza titular e número de conta.
  • 2 fotografías tamaño carné do alumno ou alumna.

Audio

  • Manuel Núñez, sobre a Escola Municipal de Música | Descargar mp3

Noticias relacionadas