Aberto o prazo de inscrición para as VI Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero

Venres, 16 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Muller e Servizos Sociais mantén aberto o prazo para inscribirse nas VI Xornadas Locais sobre Violencia de Xénero que terán lugar en Lugo do xoves 22 ó sábado 24 de novembro. As xornadas centraranse no tema das fillas e fillos das mulleres vítimas da violencia, oas testemuñas directas da violencia contra as súas nais e que sofren un abuso emocional moi forte.

Como en anos precedentes, as xornadas son gratuítas e abertas a todo o mundo. Para os interesados en recibir un diploma de acreditación de asistencia está aberto o prazo de inscrición. Para obter información adicional se pode contactar coa Casa da Muller, no número 982 297 413.

As xornadas abriranse co relatorio da psicóloga Sofía Czalbowski sobre a Intervención psicolóxica cos menores fillas e fillos de vítimas de violencia de xénero. O avogado Santiago Míguez Caridad falará, despois da inauguración oficial, dos fillos e fillas que sofren a violencia machista nos seus fogares. Xa na xornada do venres Ángeles Sepúlveda, especialista en Medicina Legal e Forense, María Jesús Navarro, Mestra especialista en Pedagoxía Terapéutica, e Amalia Fernández, vicepresidenta da Asociación Estatal de Mulleres Xuristas, falarán dende a súa perspectiva laboral das outras vítimas do maltrato.

As presentadoras das ponencias serán tamén persoas destacadas na loita contra o maltrato: Carmen Basadre, Concelleira de Muller e Servizos Sociais, Mª Paz de la Fuente, presidenta da asociación cultural, xuvenil e veciñal O Castro de Coeses, Rocío Valcarcel, educadora da Casa da Muller, Mª Arsilia Díaz, Xefa da Unidade contra ó maltraro da muller na Subdelegación do Goberno de Lugo, e María Jesús González-Vara, avogada da Casa da Muller.

O programa inclúe talleres de igualdade para as persoas asistentes e para o público que desexe participar, e durante toda a semana haberá talleres para os rapaces nas ociotecas da cidade, nas aulas “Aprende xogando”. Como todos os anos terá lugar a ofrenda floral como homenaxe ás mulleres vítimas da violencia de xénero, o sábado, ás doce, na praza de Santo Domingo. Nesta homenaxe haberá un corcerto do cuarteto Camerata.

O deporte lucense tamén se unirá as reivindicación contra a violencia machista. No partido do CB Ensino de Lugo desa xornada repartiranse unhas 1.500 camisetas co lema da Casa da Muller Non estás soa. E poranse a venda, a un prezo dun euro, pins con mensaxes de igualdade. Os beneficios irá para os pisos de acollida da Casa da Muller.

O programa pode consultarse na web municipal www.lugo.es, onde se detallan os relatorios, talleres e mesas redondas que conforman as xornadas.

Noticias relacionadas