Aberta a preinscrición para os concellos do Eixo Atlántico interesados en participar na duodécima edición dos seus xogos

Este evento terá lugar do 4 ao 9 de xullo do 2017 en Lugo, Monforte de Lemos e Sarria. Os actos de inauguración e de clausura celebraranse en Lugo, coa Muralla e os espazos naturais do municipio como protagonistas

Venres, 04 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O prazo de preinscrición para que os concellos, galegos e portugueses, adheridos ao Eixo Atlántico, formalicen o seu apuntamento para participar na duodécima edición dos seus xogos, que se celebrarán en Lugo, Monforte de Lemos e Sarria, dende o 4 ao 9 de xullo do 2017, está aberto. A selección de cada equipo participante correrá a cargo dos concellos, que, unha vez decididas as modalidades que queiran disputar, seleccionarán aos seus deportistas para formar o equipo que competirá neste evento transfronteirizo, nos que rapaces e rapazas menores de 16 anos representarán aos seus respectivos municipios e cámaras.

O período para que os concellos realicen a preinscrición da súa participación e en que modalidades competir rematará o día 20 deste mes de novembro. Tras a elección das seleccións participantes, concellos e cámaras realizarán as inscricións definitivas.

Este encontro deportivo entre a mocidade de Galicia e o Norte de Portugal, persegue non só a mellora da aptitude física e psíquica dos máis novos, senón, e sobre todo, o desenvolvemento das relacións sociais e o espírito de convivencia en harmonía entre os pobos de ambos lados da fronteira.

6 días de competicións e 3 sedes
Nesta edición dos xogos haberá tres sedes, dependendo das modalidades deportivas. Así, nas instalacións da cidade de Lugo disputaranse as competicións de fútbol 7 masculino, natación e natación adaptada, atletismo e atletismo adaptado (tanto en pista como en cross) e baloncesto masculino e feminino; en Monforte celebrarase a disciplina de voleibol feminino, mentres que en Sarria terán lugar as modalidades de balonmán masculino e ximnasia rítmica, sendo esta a novidade desta edición.

Durante os 6 días que dure a celebración dos Xogos, participantes, adestradores e familiares encherán as rúas e prazas das tres localidades. Trátase pois dunha oportunidade de promover o turismo, a gastronomía e a cultura da provincia luguesa. Así, paralelamente á competición, prográmanse actividades culturais e turísticas para goce dos deportistas e acompañantes.

Os XII Xogos do Eixo Atlántico, organizados conxuntamente polos concellos de Lugo, Monforte e Sarria e a Deputación de Lugo, darán comezo o día 4 de xullo cun acto de inauguración polas rúas de Lugo, tendo como protagonista a Muralla, Patrimonio da Humanidade, e rematarán o día 9, cun acto de clausura na contorna natural do municipio.

Noticias relacionadas