A Policía Local intensifica o control sobre as condutas incívicas en prol da protección do patrimonio

A Policía Local de Lugo realizou diversos servizos destacados durante esta fin de semana, do 5 ao 7 de novembro.

Luns, 08 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Condutas incívicas

Durante a madrugada do sábado 6 ao domingo 7 de novembro efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo estableceron un dispositivo especial para combater as condutas incívicas que algúns mozos están a levar a cabo no centro histórico.

Como consecuencia deste operativo levantáronse 17 actas de denuncia por infracción á Lei de Residuos de Galicia ao sorprender na Catedral e na Travesía do Miño, especialmente na fonte Miñá, a 17 mozos (16 mozos e 1 moza) ouriñando na vía pública.

Os axentes propuxeron, a cada un deles, sancións de ata 900 euros co agravante de cometerse estas condutas no centro histórico da cidade.

Inspección de establecementos de hostalería e lecer nocturno

A mesma madrugada efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo levantaron 4 actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia, a outros tantos locais do centro histórico, por quebrantar o horario de peche - que a partir do 23 de outubro, nas noites do venres ao sábado e do sábado ao domingo é, para os locais de hostalería ás 1:30 horas, en lugar da a 1:00 como o resto de días, para os de lecer nocturno ás 4:30 horas, en lugar da as 4:00 como o resto de semana e para as discotecas ás 5:00 horas.

Así mesmo levantáronse 6 actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia a outros tantos establecementos de lecer nocturno, da zona centro da cidade, por non esixir para acceder ao interior certificado COVID, proba diagnóstica negativa realizada 72 horas antes ou certificado de recuperación.

Delitos contra a seguridade viaria

Sobre as 5:00 horas da madrugada do domingo 7 de novembro unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta a condución irregular dun vehículo pola rúa Mariña Española, observando que a condutora presenta signos de embriaguez, sendo sometida ás probas de detección alcohólica e lanzando un resultado POSITIVO de 0,69 mg/l (case triplicando a taxa máxima permitida), sendo presentada na Unidade de Atestados do Corpo onde se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Sobre as 4:45 horas do día 6 de novembro un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase á rúa Mariña Española xa que se produciu un accidente de circulación. Os axentes observan que un turismo que circulaba pola rúa Mariña Española dirección á rúa Galicia, ao decatarse de que un vehículo que lle precede está detido no carril de circulación frea, pero non pode evitar a colisión, impactando por alcance coa parte dianteira coa parte posterior deste turismo, ao que proxecta cara adiante de modo que impacta á súa vez contra outro vehículo que se achaba estacionado.

O condutor causante do accidente é sometido ás probas de detección alcohólica lanzando un resultado POSITIVO de 0,46 mg/l , abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución e ao condutor que se achaba detido no carril de circulación, é sometido tamén ás probas de alcoholemia, lanzando un resultado POSITIVO de 0,90 mg/l (case catro veces máis da taxa máxima permitida), instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido.

Así mesmo unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo detectou a condución irregular dun vehículo pola rúa Castro Gil e ao darlle o “alto” observaron que o condutor presentaba signos de conducir baixo efecto das drogas, sendo sometido ás probas regulamentariamente establecidas e lanzando un resultado POSITIVO en COCAÍNA, polo que se abre expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

Noticias relacionadas