81 lucenses con esclerose múltiple reciben atención profesional diaria de ALUCEM, grazas a Concello e Deputación

Ana Abelleira e Sonsoles López mantiveron un encontro con usuarios da Asociación Lucense de Esclerose Múltiple, coincidindo co Día Mundial que se celebra este 30 de maio. Fixérono para coñecer in situ os resultados das diferentes colaboracións que manteñen Deputación e Concello de Lugo con este colectivo

Os Gobernos Municipal e Provincial destinan 13.000 euros a ALUCEM que lles permite asumir gastos correntes do local cedido polo Consistorio e contar cunha traballadora social que ofrece atención e apoio a 81 lucenses con esclerose múltiple

Un diagnóstico cedo e certeiro fai que o tratamento sexa efectivo e a calidade de vida dos pacientes se vexa menos afectada. “Necesítanse máis medios, recursos e vontade política por parte das autoridades competentes, pois non é lóxico que 1 de cada 3 doentes non comece o tratamento antes de transcorrer 6 meses dende o seu diagnóstico” apuntou a Deputada de Benestar e Igualdade

Mércores, 30 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
81 lucenses con esclerose múltiple reciben atención profesional diaria de ALUCEM, grazas a Concello e Deputación

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, e a Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López, mantiveron este mércores un encontro con usuarios da Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM), coincidindo co Día Mundial da Esclerose Múltiple que se celebra este 30 de maio. Fixérono acompañadas da Presidenta, Rachel Feliciano, e da fisioterapeuta do colectivo, Rachel Feliciano e Alba Fernández, para coñecer de primeira man os resultados das diferentes colaboracións que manteñen Concello e Deputación de Lugo con esta asociación lucense. Ademais, durante toda a mañá, ALUCEM situou unha mesa de cuestación no Pazo de San Marcos con información e asesoramento sobre os servizos que ofrece na provincia.

Os Executivos Municipal e Provincial destinan 13.000 euros ao único colectivo social de esclerose múltiple na provincia, o que permite a ALUCEM asumir os gastos correntes de auga, luz e gas do local, así como a contratación dunha traballadora social que ofrece asesoramento, información, atención e apoio a 81 lucenses con esclerose múltiple e ás súas familias. Ademais, o Concello de Lugo cede gratuitamente o local que posúe o colectivo na capital lucense e onde desenvolve toda a súa actividade.

Ana Abelleira agradeceu a ALUCEM o traballo que desenvolve o colectivo na cidade de Lugo e destacou que “esta colaboración, enmárcase dentro da aposta conxunta de Concello de Lugo e Deputación por mellorar o benestar dos nosos veciños, traballando da man co tecido asociativo lucense. É unha pena que a Xunta de Galicia non teña a mesma implicación e participación con ALUCEM”. 

Pola súa banda, Sonsoles López subliñou que “é fundamental que as administracións públicas coas competencias directas en materia de benestar, como son a Xunta de Galicia e o Goberno central, tamén colaboren con este colectivo e non deixen desamparados aos máis de 400 veciños diagnosticados con esclerose múltiple na provincia de Lugo. Por este motivo, e sendo conscientes das nosas limitacións, dende os Gobernos da Deputación e do Concello de Lugo colaboramos economicamente con ALUCEM para que o colectivo poida contar no seu persoal cunha traballadora social, que desempeña un cometido fundamental para o funcionamento diario da asociación e para mellorar a calidade de vida dos lucenses e das súas familias con esclerose múltiple”.

Retrasos nos tratamentos e recortes do 30% de orzamento

“Débese diagnosticar o máis cedo e certeiro posible para que o tratamento sexa máis efectivo e a calidade de vida dos pacientes se vexa menos afectada. Para iso, necesítanse máis medios, recursos e sobre todo vontade política por parte das autoridades competentes, pois non é lóxico que 1 de cada 3 doentes non comece o tratamento antes de transcorrer 6 meses dende o seu diagnóstico. Pero xa vemos o nulo interese que teñen os gobernos do PP con todas estas persoas cando recortan un 30% do orzamento para os fondos públicos destinados á Rede Española de Esclerose Múltiple” apuntou a Deputada de Benestar e Igualdade.

Galicia, o territorio con maior taxa de esclerose múltiple

A esclerose múltiple é unha patoloxía crónica que afecta ao sistema nervioso central e cuxos principais sinais de alerta son as alteracións sensitivas, sensación de fatiga e perda de equilibrio. É unha enfermidade que non ten cura, pois non se coñecen as causas, que ten unha  incidencia superior nas mulleres que nos homes e que na maioría dos casos, case o 70%,  prodúcese entre os 25 e os 31 anos. Galicia é o territorio con maior taxa de esclerose múltiple debido ao seu clima. Na última década aumentou o número de casos, pasando de 79 a 123 enfermos por cada 100.000 habitantes.

Iluminada de cor vermella a fachada de San Marcos

O Executivo Provincial súmase aos actos organizados por ALUCEM con motivo do Día Mundial da Esclerose Múltiple, que se celebra este 30 de maio, co lema A investigación achéganos ao final da esclerose múltiple. Deste xeito, o Goberno da Deputación iluminará este mércores de cor vermello a fachada do Pazo de San Marcos e do Fogar de Santa María, simbolizando a sensibilidade e a concienciación da institución provincial coas persoas e familias por esta doenza. Ademais, a TIC da Deputación elaborou un vídeo promocional que recolle toda a actividade que realiza ALUCEM.

ALUCEM

A Asociación Lucense de Esclerose Múltiple de Lugo é unha entidade sen ánimo de lucro de ámbito provincial que conta con 81 persoas asociadas. ALUCEM foi creada, no ano 1996, por un grupo de persoas interesadas en coñecer máis esta doenza e mellorar a investigación neste eido. Un dos obxectivos principais desta asociación é a de levar a cabo un proceso rehabilitador de todas as persoas afectadas de esclerose múltiple, así como mellorar a calidade de vida das persoas con esclerose múltiple, adecuando os recursos á súa individualidade e a un estilo de vida activo.

Ademais da traballadora social, financiada grazas a Concello e Deputación de Lugo, ALUCEM conta no seu persoal cunha fisioterapeuta que presta terapias de rehabilitación diarias a 25 lucenses con esclerose múltiple. O colectivo tamén ofrece, a todos os socios, servizos de terapia ocupacional, obradoiros e cursos que melloran a calidade de vida dos enfermos.

Noticias relacionadas