600 escolares de Lugo reciben como agasallo de Nadal unha planta de castiñeiro do novo bosque urbano municipal das Gándaras

A alcaldesa Lara Méndez sostivo que “tras este duro ano, entregamos unha semente de ilusión para 2021 relacionada co Lugo no que estamos a traballar, máis verde e sostible”

Distribuíronse plantas en tubo, creadas en laboratorio polo Campus Terra a raíz de células recollidas no souto do Lugo+Biodinámico, o que permite preservar a biodiversidade

O obxectivo desta iniciativa é contribuír á concienciación dos escolares e das familias da importancia para a cidade e para o planeta de coidar e respectar o medio natural

A rexedora fixo a entrega no colexio Luis Pimentel acompañada por representantes da Universidade e da Deputación, socios do Concello de Lugo na estratexia LIFE

Luns, 21 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
600 escolares de Lugo reciben como agasallo de Nadal unha planta de castiñeiro do novo bosque urbano municipal das Gándaras

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada pola deputada Pilar Porto e de Juan Luis, Fernández, profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo e integrante do Grupo de Investigación do Campus Terra, fixeron entrega á dirección do colexio dun agasallo moi especial de Nadal no CEIP Luis Pimentel, un planta de castiñeiro do souto do novo bosque urbano das Gándaras nun acto que simbolizou o envío de 600 plantas a todos os colexios do municipio.

A rexedora explicou que “se todo inicio de ano é sempre unha luz de esperanza por unha nova etapa que comeza, tras este duro e complexo 2020, queremos entregar aos nenos e nenas e ás súas familias un pequeno agasallo que supoña unha semente de ilusión de cara a 2021”. Aclarou, ademais, que “é unha semente relacionada co Lugo no que estamos a traballar para acadar unha cidade máis verde e sostible, máis sa para toda a veciñanza e que sexa máis resiliente co fin de saír reforzados dos danos causados polo cambio climático”.

As plantas entregáronse en tubo xa que “foron producidas en laboratorio polo Campus Terra a partires de anacos pequenos (unhas poucas células) que se recolleron, con moito agarimo, dalgunhas árbores de castiñeiro plantadas no souto do LIFE Lugo+Biodinámico”, sostivo Lara Méndez, que agradeceu e puxo en valor o traballo de investigación realizado polo equipo da Universidade implicado na creación do bosque urbano das Gándaras. 

Cómpre lembrar que neste espazo desenvolvéronse un Arboretum con 15.000 exemplares e  cultivos enerxéticos pensando no impulso do sector forestal, e reproducíronse tamén oito bosques autóctonos galegos que albergan 55 especies arbóreas e arbustivas diferentes, ademais de recuperar un humidal que forma parte do Parque Lineal Verde que envolve toda a cidade. “Este bosque urbano xa supuxo unha mellora dos indicadores ambientais dos polígonos das Gándaras e do Ceao. E é, desde logo, un refuxio para a biodiversidade e unha zona que pronto abriremos para goce da poboación lucense” subliñou a alcaldesa.

A través desta iniciativa repartíronse un total de 600 exemplares nos centros de infantil e primaria do municipio co obxectivo de contribuír á concienciación dos escolares e das familias ao coido do medio ambiente. “É importante que traballemos xa dende a infancia co obxecto de que os nenos e nenas coñezan a importancia de contribuír unidos a deixar, aos que nos sucedan, un mundo mellor. E as familias son as mellores aliados neste labor por amosarlles o amor pola nosa terra”, incidiron Lara Méndez e Pilar Porto.

Lugo, á vangarda na loita contra o cambio climático

O Proxecto LIFE Lugo + Biodinámico é un dos piares do modelo de cidade que impulsa o Goberno de Lara Méndez, que une de xeito indisoluble o desenvolvemento urbanístico e a sostibilidade económica. O obxectivo é situar a Lugo como un referente europeo na loita contra o cambio climático en contornas urbanas, ao tempo que se promove un novo modelo produtivo baseado no desenvolvemento de todo o potencial dos recursos naturais dispoñibles, apostando firmemente por unha economía sostible e a xeración de empregos verdes.

Neste proxecto cofinanciado pola Unión Europea, o Concello está acompañado da Deputación de Lugo e tamén conta co labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Politécnica de Madrid.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a entrega de plantas de castiñeiro, no marco do proxecto LIFE | Descargar mp3

Noticias relacionadas