6 actividades confirman a programación de animación á lectura e contacontos na biblioteca Isidro Novo para o primeiro trimestre de 2020

As actividades levaranse a cabo en distintas tardes ás 18:30 entre setembro e decembro

A asistencia é gratuíta, máis deberá sacarse unha invitación por motivos de aforo

Luns, 17 de febreiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
6 actividades confirman a programación de animación á lectura e contacontos na biblioteca Isidro Novo para o primeiro trimestre de 2020

O Concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, xunto coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentaron as actividades de animación á lectura e contacontos que se realizarán en distintas tardes de febreiro a abril, ás 18:30h na biblioteca municipal Isidro Novo do parque da Milagrosa. “Con esta programación de animación á lectura traemos novas actividades nas que se presta especial atención ao fomento da igualdade de xénero ao mesmo tempo que se achega ás máis novas e novos ao mundo da lectura”, indicou Felipe Rivas.

Estas actividades serán de asistencia gratuíta, mais por motivos de aforo deberá retirarse unha invitación na propia biblioteca. As invitacións comezarán a repartirse na tarde do luns de cada actividade, e estarán limitadas a dúas por persoa. As actividades irán dirixidas a distintas idades.

As actividades deste trimestre comezarán o vindeiro mércores 26 de febreiro, con “A galiña dos ovos de conto”, de Electra Menéndez, unha actividade creativa que xunta literatura e plástica, nas que as nenas e nenos realizarán bonecos das personaxes dun conto que inventarán coa axuda de Rosiña, a galiña dos ovos de conto. A actividade está orientada para nenas e nenos a partir de 3 anos, ten unha duración de 75 minutos e o aforo limitado a 20 persoas.

O mércores 4 de marzo, Xerardo Quintiá trae “O País do Gran Furado”. Na semana do 8 de marzo, a biblioteca acollerá á obra gañadora do II premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade. Terá unha duración de 45 minutos, e un aforo máximo de 20 persoas.

O 11 de marzo chega Charo Pita con “A galiña Cocorcó”. Recomendada para nenos e nenas de 11 meses a 3 anos, consiste en contos, cancións e xogos para os máis cativos acompañados por unha persoa adulta. Ten unha duración de 35 minutos e un aforo máximo de 20 persoas.

O 26 de marzo, Trécola Teatro traerá “Sen Medo”. Dúas coidadoras dun parque natural contan as historias dos pingüíns Roi e Silo, que queren ser pais das tartarugas namoradas Clementina e Artur. Tamén falarán de mulleres que loitaron polos seus soños e puxeron un valioso gran de area na historia do feminismo. Durará 35 minutos e ten un aforo de 40 nenas e nenos a partir de 4 anos.

O xoves 16 de abril chegará Pavís Pavó con “Historias da Marquesa”, unha viaxeira infatigable que cando se xubilou deixou un agasallo fantástico: a súa maleta, unha maleta encantada, cargada de bruxas, trasnos e apócemas máxicas. Terá unha duración de 50 minutos e un aforo de 40 nenas e nenos a partir de 4 anos.

O primeiro trimestre rematará con “Príncipas e Princesos”, de Os Contos de Pablísimo, unha divertida reflexión sobre a igualdade onde se buscan príncipes rosas e princesas azuis, princesas enfrontándose a dragóns e de príncipes que lavan a roupa. Durará 50 minutos e poderán asistir até 40 nenas e nenos a partir de 4 anos.

Noticias relacionadas