500 rapaces de toda a provincia participarán o domingo en Lugo na Copa Deputación de Baloncesto

Concello, Deputación e Club de Baloncesto Ensino organizan este evento deportivo, totalmente gratuíto, no que participarán nenos de entre 7 e 14 anos, para potenciar o baloncesto feminino, a igualdade de xénero e o deporte base

Nel renderase homenaxe a Fernando Fernández Allende, un dos pioneiros  do baloncesto feminino na provincia de Lugo e un dos fundadores do CB Ensino

Martes, 23 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
500 rapaces de toda a provincia participarán o domingo en Lugo na Copa Deputación de Baloncesto

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Presidente da Deputación, Darío Campos, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera, o Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, a Presidenta do Club de Baloncesto Ensino, María Teresa Latas, e o exadestrador de baloncesto, Fernando Fernández Allende, presentaron a Copa Deputación Trofeo Fernando F. Allende, que terá lugar o vindeiro domingo 28 de maio no Pazo Provincial dos Deportes de Lugo e no pavillón anexo. Concello, Deputación e Club de Baloncesto Ensino organizan este evento deportivo, totalmente gratuíto, para potenciar o baloncesto feminino, a igualdade de xénero e o deporte base. O Executivo Provincial é o principal patrocinador desta cita deportiva cunha achega de 12.000 euros. Con esta axuda, asume os gastos de transporte dos quipos, ademais de ofrecer un pícnic e unhas camisetas aos participantes.

Campos Conde subliñou que “o obxectivo deste evento é reunir por primeira vez na tempada a todos os equipos da provincia de categoría infantil, alevín e benxamín. Ademais, como novidade nesta edición incluímos a categoría de babybasket, polo que serán uns 500 nenos e nenas de entre 7 e 14 anos, gozando dunha xornada deportiva e de convivencia sen precedentes na presente tempada. Con esta iniciativa, fomentamos o baloncesto base lucense e promovemos hábitos de vida saudables entre os mozos, da man dun dos clubs femininos de referencia na cidade de Lugo como é o Club Baloncesto Ensino”.

Pola súa banda, Méndez López asegurou que “o deporte é fundamental”, ao tempo que lembraba que así o ten demostrado o Concello, tanto nos distintos exercicios orzamentarios, pola partida que se destina para o mesmo, máis de 3 millóns; pola cantidade de disciplinas que se practican no municipio, e polas instalacións municipais coas que conta a veciñanza luguesa. Así mesmo, amosou o compromiso do Goberno Local co deporte base e os valores que inculca esta práctica, e felicitou á Deputación por levar a cabo este torneo.

Homenaxe

A competición renderá homenaxe a Fernando Fernández Allende, un dos pioneiros do baloncesto feminino na provincia de Lugo e promotor deste deporte entre os mozos lucenses. Ademais de ser adestrador de baloncesto, foi profesor na Facultade de Ciencias da Educación Física de A Coruña e un dos fundadores do CB Ensino.

Sistema de competición

O evento reunirá a 10 equipos de categoría babybasket mixto, 11 equipos de categoría benxamín mixto, 7 equipos de categoría alevín feminino, 8 equipos de categoría alevín masculino ou mixto, 5 equipos de categoría infantil feminino e 7 equipos de categoría infantil masculino. En canto a duración dos encontros, será a seguinte:

  • Na categoría baby serán 6 períodos de 6 minutos a tempo corrido con 1 minuto de descanso en cada cuarto. Terán 5 minutos de quecemento previo ao encontro na pista de xogo.
  • En categoría benxamín e alevín serán 6 períodos de 8 minutos a tempo corrido con 1 minuto de descanso en cada cuarto. Terán 5 minutos de quecemento previo ao encontro na pista de xogo.
  • En categoría infantil serán 4 períodos de 10 minutos a tempo corrido con 1 minuto de descanso en cada cuarto e parado os 2 últimos do cuarto. Terán 5 minutos de quecemento previo ao encontro na pista de xogo.

Noticias relacionadas