500 lucenses, o 68% mulleres, remataron con éxito a formación online e gratuíta posta en marcha co programa municipal Formate Lugo

A alcaldesa Lara Méndez entregou os diplomas do proxecto pioneiro que se puxo en marcha na pandemia para axudar a mellorar a empregabilidade da veciñanza

A media de idade dos participantes foi de 34 anos. O 61% foron demandantes de emprego, o 15% empregados en ERTE e o 6% autónomos

Xoves, 15 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
500 lucenses, o 68% mulleres, remataron con éxito a formación online e gratuíta posta en marcha co programa municipal Formate Lugo

A alcaldesa, Lara Méndez, e o concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, recibiron este xoves no Salón de Plenos do Concello a once alumnos (en dúas quendas para garantir as normas sanitarias de 10 persoas máximo) que completaron os cursos da plataforma municipal Fórmate Lugo.

Trátase da iniciativa a través da que o executivo municipal ofreceu formación gratuíta en 50 cursos online divididos en 14 categorías profesionais, co obxectivo de mellorar a empregabilidade dos lucenses trala crise provocada pola pandemia da COVID-19.

A rexedora e o edil fixéronlles entrega dos seus respectivos diplomas e animaronos a “continuar formándose para adaptarse a un mercado laboral cada vez máis competitivo e esixente que, con maior frecuencia, require duns coñecementos avanzados no eido dixital”, e desexáronlles “a mellor das sortes no seu futuro profesional”.

En total, 500 alumnos remataron con éxito a súa formación. A idade media dos participantes foi de 34 anos. O 68% foron mulleres e o 32% homes. En canto á situación laboral dos usuarios, o 61% foron demandantes de emprego, o 15% empregados en ERTE, o 6% autónomos, o 4% estudantes, o 3% persoal da administración pública e o 11% restante empregados en PEMES e por conta allea.

Os cursos máis solicitados foron o de Prevención de riesgos laborales COVID-19 e Manipulador de alimentos, seguidos dos cursos de Xestión loxística; Xestión de vendas, marketing directo e utlización de redes sociais na xestión comercial; e Community Manager.

Os participantes realizaron os cursos de forma totalmente online a través da plataforma www.formatelugo.gal que estivo dispoñible as 24 horas do día, todos os días da semana, para maior comodidade do alumnado. Ademais, o acceso foi posible dende calquera tipo de dispositivo: tanto ordenador, como tablet ou móbil. As horas de aprendizaxe dependeron de cada curso, oscilando entre un mínimo de 15 horas e un máximo 210.

As prazas estiveron dirixidas preferentemente a persoas desempregadas, en ERTE e autónomos en situación de cese de actividade. Porén, ante o interese xerado entre o conxunto da veciñanza, o Concello decidiu abrir a matrícula a todas as persoas empadroadas en Lugo, co único requisito de ser maiores de 16 anos, ata que se completaron as 850 prazas ofertadas.

Multimedia

  • 500 lucenses, o 68% mulleres, remataron con éxito a formación online e gratuíta posta en marcha co programa municipal Formate Lugo
  • 500 lucenses, o 68% mulleres, remataron con éxito a formación online e gratuíta posta en marcha co programa municipal Formate Lugo

Noticias relacionadas