40 expositores daranse cita esta fin de semana na Milagrosa na Feira do Campo e da Artesanía de San Isidro, coa que colabora o Concello

A tradicional feira celebrará a súa 24ª edición, cun formato máis reducido, e con todas as medidas de seguridade e prevención con motivo da Covid-19.

Lara Méndez: “O evento volverá ser un dinamizador da economía local e dos produtos rurais nun dos barrios máis senlleiros de Lugo”.

O programa inclúe actuacións musicais, degustación de produtos, e a entrega dos premios memorial José Carballido aos cinco stands máis visitados da cita.

Luns, 13 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
40 expositores daranse cita esta fin de semana na Milagrosa na Feira do Campo e da Artesanía de San Isidro, coa que colabora o Concello

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García, e o presidente da Federación de Veciños, Jesús Vázquez, presentaron este luns a 24º edición da tradicional Feira do Campo e Artesanía de San Isidro da Milagrosa, que se celebrará durante a fin de semana, os días 17, 18 e 19 de setembro, na praza da Milagrosa.

Lara Méndez explicou que “por mor da situación sanitaria a cita tivo que pospoñerse varios meses e, por segundo ano consecutivo, terá que reducir o número de stands, porén, pese a contar cun formato máis reducido, volverá a ser un evento dinamizador da economía local artesá e dos produtos rurais nun dos barrios máis senlleiros de Lugo”.

A rexedora avanzou que “durante toda a fin de semana 40 vendedores de toda Galicia e de Oviedo achegarannos os seus produtos de primeira calidade, nunha praza que xa é punto de encontro para pequenos e maiores e un dos principais lugares de reunión interxeracional da cidade”.

Neste senso, Lara Méndez animou aos veciños e veciñas a participar nesta nova edición da feira e gozar da programación de actuacións culturais, degustación de produtos e exhibicións de artesanía, entre outras actividades, que se realizarán seguindo os protocolos Covid-19.

Pola súa parte, García Porto, agradeceu á asociación “a honra que supón ser a pregoeira da Feira de San Isidro nesta edición do ano 2021”, destacando a súa relación “estreita” coa Milagrosa, “de colaboración profesional ao longo de moitos anos, pero tamén unha vivencia persoal ligada á miña infancia, con familiares que aínda hoxe residen neste barrio lucense tan senlleiro”.

García Porto asegurou que se trata dunha Feira que “promove a artesanía e os produtos do rural, e coa a que a Deputación vai colaborar de novo cedendo lotes de produtos de proximidade, de alta calidade, como parte das nosas iniciativas para favorecer aos pequenos produtores”, unha filosofía que dá continuidade ao programa provincial Saborea a túa provincia celebrado no mes de agosto por todo o territorio lucense.

O programa da feira inclúe actuacións musicais e charangas, degustación de produtos autóctonos e a entrega dos premios memorial José Carballido aos cinco stands máis visitados da fin de semana.

Audios

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a presentación da "24 Feira de San Isidro" | Descargar mp3
  • A deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García, sobre a presentación da "24 Feira de San Isidro" | Descargar mp3
  • O presidente da Federación de Veciños, Jesús Vázquez, sobre a presentación da "24 Feira de San Isidro" | Descargar mp3

Noticias relacionadas