30 mozos e mozas de Lugo, Portugal, Italia e Francia debaten esta semana na cidade fórmulas contra o paro e a desigualdade

O encontro celébrase no marco do Keep Moving!, o novo proxecto Erasmus+ conseguido polo Concello co fin de dar voz á xuventude para buscar solucións conxuntas e innovadores aos seus problemas

O programa, que terá lugar entre mañá e o sábado, inclúe debates sobre a evolución dos perfís profesionais, como desenvolver talentos, as oportunidades dixitais, a creatividade e a comunicación na busca de emprego, ou o emprendemento

Luns, 09 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

As Concelleiras de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e Cultura, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, informaron este luns de que 30 mozos e mozas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos e procedentes de Lugo, Portugal, Italia e Francia debaterán ao longo desta semana, entre mañá e o sábado, fórmulas contra o paro e a desigualdade, un encontro que se celebra no marco do Keep Moving!, o novo proxecto que conseguiu o Concello a través do Erasmus+, que busca dar voz á xuventude europea, coñecer de primeira man a súa realidade e intercambiar coñecementos para buscar solucións conxuntas e innovadoras aos seus problemas.

“Trátase de fomentar o pensamento crítico da mocidade, implicándoos nas problemáticas sociais que afectan especialmente aos países europeos artellando para elo mecanismos e estimulando a iniciativa asociativa e empresarial que permitan a participación activa dos xóvenes no eido institucional e educativo para conseguir una sociedade inclusiva, plural, aberta e creativa”, explicaron as edís de Economía e Cultura.

O programa Keep Moving! está impulsado polo Concello de Lugo e conta coa participación do municipio de Tábua (Portugal), Redi Educare ai diriti humani de Follonica (Italia) e Intercultura de Francia.  

Ana Prieto e Carmen Basadre presidirán mañá no CEI Nodus a inauguración do encontro do Keep Moving!, que incluirá ata o venres unha serie de debates sobre o emprego e a inclusión, abordada dende distintas perspectivas: a evolución dos perfís profesionais, como desenvolver talentos, novas oportunidades dixitais no emprego e autoemprego, a creatividade, a comunicación e a imaxe persoal orientadas á busca de emprego, ou o emprendemento.

O Keep Moving! dá continuidade ao Young Lab, que o pasado ano impulsou tamén o Concello co mesmo obxectivo de dar voz aos mozos e mozas para deseñar unha estratexia global contra o paro. Neste caso, aos socios de Portugal e Italia, sumouse tamén Francia.

Noticias relacionadas