23 desempregados melloran as posibilidades de inserción laboral con formación en xestión cultural, turismo e educación ambiental

A Alcaldesa e a Concelleira de Emprego mantiveron un encontro cos participantes no obradoiro Cultur@Lvcvs, que arrancou esta semana e remata en febreiro

Os beneficiarios mellorarán as súas posibilidades de acceder ao mercado de traballo formándose en turismo, xestión cultural e educación ambiental, “apostas do Concello para impulsar o desenvolvemento socioeconómico de Lugo”

Xoves, 20 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa, Lara Méndez, e a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, mantiveron este xoves un encontro cos 23 desempregados que participan no obradoiro Cultur@Lvcvs, unha iniciativa coa que melloran as súas posibilidades de inserción laboral ao recibir formación especializada en turismo, xestión cultural e educación ambiental. Este novo programa arrancou esta semana e rematará en febreiro.

A rexedora subliñou que a creación de emprego “é a prioridade do noso Goberno”, polo que “traballaremos para poñer en marcha plans coma este, ou iniciativas novas dirixidas a impulsar os sectores estratéxicos do noso municipio, como son todos aqueles vinculados ao patrimonio, a cultura, o turismo, o medio ambiente ou o benestar social”. “Temos que aproveitar todas as potencialidades que ten a cidade para xerar novos postos de traballo e riqueza”.

Durante seis meses, os alumnos-traballadores de Cultur@Lvcvs mellorarán as súas posibilidades de acceder ao mercado laboral recibindo formación especializada en turismo, xestión cultural e educación ambiental, “apostas fundamentais do Concello para impulsar o crecemento socioeconómico de Lugo”, subliñou Prieto.

O obradoiro Cultur@Lvcvs ten, deste xeito, tres especialidades formativas:

  • Dinamización, Programación e Desenvolvemento de Accións Culturais, con 8 alumnos, que organizarán un programa cuatrimestral de actividades didácticas e obradoiros para os máis novos –alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria- na Rede Municipal de Museos, e o soporte de ditas actividades (trípticos, cadernos didácticos e guías de centros)
  • Interpretación e Educación Ambiental, con 7 alumnos, que, entre outras actuacións, desenvolverán visitas guiadas polas rutas naturais no entorno do Miño e o rural lucense, con especial atención a aquelas relacionadas ao Camiño Primitivo da Santiago, e elaborarán guías con información sobre as principais características medioambientais de cada un dos itinerarios co obxectivo de poñer en valor estas zonas naturais e fomentar na cidadanía a necesidade de protexelas
  • Promoción Turística Local e Información ao Visitante, con 8 alumnos, que colaborarán nas tarefas de atención e asesoramento dos visitantes e residentes nas súas demandas de información e revisarán a información de interese sobre o entorno local para dar a coñecer o seu potencial turístico

Certificado profesional

Ao finalizar o obradoiro, os participantes obterán os certificados profesionais homologados pola Xunta de Galicia para desenvolver estes traballos.

O Concello de Lugo xa ten experiencia no desenvolvemento deste tipo de obradoiros, como foi o Arqueo Lvcvs e o Vrbs Lvcvs, que permitiron dixitalizar unha parte importante do patrimonio histórico e documental lucense.

Audio 

  • Declaracións da concelleira de Economía sobre o Cultur@ Lvcvx | Descargar mp3

Noticias relacionadas