20 anos non son nada homenaxea, no Vello Cárcere, a actividade do Espazo de danza da USC no seu vixésimo aniversario

Esta mostra fotográfica, inaugurada este mércores no Vello Cárcere, inclúe imaxes de bailaríns, mestres e coreógrafos en espazos interiores e exteriores, tratando de amosar o traballo realizado por este Espazo ao longo dos 20 anos de historia

A exposición enmárcase no programa da XVII edición do Encontro Universitario de Danza que se celebrará o vindeiro 21 e 22 de marzo no Patio do Vello Cárcere ás 20.30 horas

Mércores, 20 de marzo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
20 anos non son nada homenaxea, no Vello Cárcere, a actividade do Espazo de danza da USC no seu vixésimo aniversario

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López, e a Vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárce, inauguraron este mércores, no Vello Cárcere, a exposición fotográfica 20 anos non son nada, a mostra que homenaxea ao Espazo de Danza da USC polo seu vixésimo aniversario. Esta exposición, enmarcada na programación do Lugo Cultural, posta en marcha por Concello, Deputación e USC, achega ao público 20 imaxes de bailaríns, mestres e coreógrafos que formaron parte deste espazo de danza, ao longo dos 20 anos de historia. No acto tamén participou o director deste espazo Juan Carlos Zahera, e a autora da exposición, Chus Varela.

20 anos non son nada naceu no 2016 cando Zahera e a autora deste proxecto fotográfico cruzaron os seus camiños. Foi nese momento cando comezou a fraguarse esta idea, no que durante os anos seguintes, fíxose realidade, mostrando, ademais do puro traballo do Espazo de Danza, fotografías artísticas en si mesmas. Esta mostra fotográfica, baixo a dirección artística e creatividade de Juan Carlos Zahera, inclúe 20 imaxes que saen da zona de confort, pois realizáronse en espazos poucos comúns: interiores como corredores ou edificios da USC; ou espazos exteriores naturais como As Médulas. Os protagonistas destas imaxes son mestres, bailaríns ou coreógrafos que, nalgún momento da súa carreira, pasaron por este Espazo de Danza e que a día de hoxe, traballan en diferentes eidos relacionados co mundo da danza.

Encontro de Danza

Esta mostra fotográfica enmárcase no programa da XVII edición do Encontro Universitario de Danza que se celebrará mañá e pasado no Patio do Vello Cárcere ás 20:30 horas. Esta iniciativa creada co obxectivo de favorecer o intercambio cultural a través da danza, achega esta disciplina artística á cidade. Nesta edición, presentaranse creacións orixinais das seguintes compañías: DanzaUSCompostela, DanzaUSCLugo, Compañía Sen Vergoña, integrada por alumnado de IV Ciclo, a nova formación independente da USC Compañía Schattenidentitäten e a Aula de Danza da Universidade da Coruña.

Noticias relacionadas