1.800 nenos e nenas de todos os colexios de Lugo achéganse a hábitos nutricionais correctos a través dos Almorzos Saudables do Concello

Rosala Rielo deu a coñecer unha nova edición desta programación, organizada polo Concello dende o ano 2004 e que fomenta nocións nutricionais saudables. Arrincará este mércores no colexio Cervantes

A edil sinalou que “nesta ocasión contamos cunha serie de novidades coas que pretendemos avanzar e mellorar o programa, pois incluímos bebidas vexetais ou froitos secos”

Luns, 21 de maio de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
1.800 nenos e nenas de todos os colexios de Lugo achéganse a hábitos nutricionais correctos a través dos Almorzos Saudables do Concello

A Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosala Rielo, xunto á Directora de Responsabilidade Corporativa de Vegalsa Eroski, Gabriela González, a voceira da Asociación de Alumnos de Nutrición (ADINU), Marina Perejón e os encargados da parte máis teatral do programa, Rifi e Rafe;  presentaron este luns, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a décimo cuarta edición da campaña dos Almorzos Saudables, na que participarán 1.800 rapaces e rapazas de todos os centros educativos de Lugo. Trátase dunha iniciativa organizada polo Concello dende o ano 2004, que conta coa subvención da Rede Española de Cidades Saudables e que é xa un modelo na Comunidade Galega, Asturias ou Barcelona, entre outros. A programación comezará este mércores, no Colexio Cervantes, e terá lugar ata o 14 de xuño.

Rosana Rielo destacou que “levamos xa 16 anos poñendo en marcha esta iniciativa que axuda ás familias e aos nenos e nenas a concienciarse da importancia de ter unha alimentación boa e saudable". Así mesmo explicou que en cada almorzo se servirá leite enteira, cacao soluble, pan integral, aceite de oliva, tomate, mazás e peras, un menú cun total de 591 quilocalorías, elaborado polo propio colectivo ADINU. Nesta ocasión os Almorzos Saudables contan cunha serie de novidades "coas que pretendemos avanzar e mellorar o programa, pois incluímos bebidas vexetais ou froitos secos".

Durante o acto de presentación, a edil fixo mención especial a todas as empresas colaboradoras, “sen as cales sería moi complicado poder levar a cabo este tipo de actividades que fomentan hábitos saudables entre os máis cativos e cativas da casa”, sinalou. Nesta ocasión os patrocinadores son: Vegalsa-Eroski, Ingapan, a Asociación Provincial de Apicultores, a USC, e a Asociación de Alumnos de Nutrición (ADINU), que aporta dous voluntarios en cada unha destas actividades nos colexios.

Co fin de que esta programación sexa máis lúdica e divertida para os nenos e nenas participantes, haberá un equipo de animación que realizarán explicacións teatrais a cargo do cociñeiro e do nutricionista, Rifi Rafe, que lles darán nocións saudables e hábitos nutricionais correctos a través dunha xornada amena.

A partir deste mércores porase en marcha a programación, que nesta primeira semana terá lugar no Colexio Cervantes, no que participarán 50 nenos e nenas; o xoves 24, no Colexio A Ponte, cun total de 47 participantes, e o venres 25 de maio, no Colexio Fingoi, no que participarán 50 cativos e cativas e no Colexio As Gándaras, no que asistirán 34 rapaces e rapazas.

Audio

  • Rosana Rielo, sobre os Almorzos Saudables do Concello | Descargar mp3

Noticias relacionadas