XII Xogos do Eixo Atlántico

Por segunda vez na historia dos Xogos do Eixo Atlántico, e por primeira vez en Galicia, tres cidades, Lugo, Sarria e Monforte, acollerán simultaneamente estes xogos, os segundos máis participativos da historia

Do 4 de xullo de 2017 ao 9 de xullo de 2017
Instalacións deportivas de Lugo, Sarria e Monforte

En total participarán 1850 mozos e mozas ata os 16 anos e contarán coa presenza de 29 municipios de Galicia e Portugal, 14 galegos -ademais de Lugo, Monforte e Sarria, Ourense, Pontevedra, O Carballiño, Santiago, Barco de Valdeorras, Carballo, Vigo, Vilagarcía, Riveira, Narón e A Coruña- e 15 lusos -Macedo de Cavaleiros, Matosinhos, Porto, Famalicão, Braga, Peso da Régua, Braganca, Maia, Vila Nova de Gaia, Vila Real, Valongo, Viana do Castelo, Guimaraes, Eurocidades Chaves-Verín e Santa María da Feira-.

O primeiro día, en xornada de tarde, terá lugar, dende as 18:00 horas, un desfile das delegacións dos participantes, dende a Praza de San Marcos ata a Praza de Santa María, pasando pola Praza Maior. Nesta marcha, por primeira vez, incorporaranse ao desfile catro elementos etnográficos. Irán abrindo a marcha unha representación de romanos e castrexos de Lugo; polo medio irán os cabezudos da Nosa Señora de Agonía (Viana do Castelo), despois os cigarróns de Verín e, por último, os caretos de Macedo dos Cavaleiros.

As competicións terán lugar os días 5, 6, 7 e 8 de xullo. Lugo acollerá as modalidades de fútbol, no campo municipal das Gándaras, baloncesto, no Pazo Provincial dos Deportes, atletismo e atletismo adaptado, nas Pedreiras, e natación e natación adaptada nas piscinas municipais de Frigsa. Pola súa banda, as competicións de voleibol celebraranse en Monforte e as de ximnasia rítimica, deporte novidade desta edición, en Sarria. Por último a clausura terá lugar o día 9, no Vello Cárcere.