Máis de 3.300 persoas asistiron ás 9 obras da XVI Mostra de Teatro Clásico

O ciclo péchase o 6 de abril con Teresa o el sol por dentro

Jueves, 17 de marzo de 2016
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, fixo hoxe balance da XVI Mostra de Teatro Clásico, organizada polo Concello, que incluíu 9 obras -6 na sección oficial e 3 en sección off- dende o pasado mes de febreiro. En total asistiron máis de 3.300 persoas, cunha participación media de máis de 500 persoas na sección oficial. As representacións que máis interese espertaron foron Medea, con 874, seguida de Hamlet, con máis de 660. A edil mostrouse orgullosa da “máis que positiva” participación. “Lugo unha vez máis está co teatro clásico e con este ciclo de representacións, que está máis que consolidado”, asegurou a Concelleira.

A última función da XVI Mostra de Teatro Clásico, Teresa o el sol por dentro, terá lugar o 6 de abril, ás 20:30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire, tras ser aprazada por motivos de saúde dun dos protagonistas. Neste senso, Basadre lembrou que as entradas adquiridas serven para acudir a esta nova función. Para os que non poidan asistir, teñen toda a información sobre a devolución do prezo aboado no 010.

Horarios dos museos na Semana Santa

Carmen Basadre lembrou os horarios para Semana Santa tanto da Oficina de Turismo Municipal como da rede museística municipal. A Oficina Municipal de Turismo abrirá luns, martes e mércores de 11:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 19:30 horas, de xoves a sábado de 11:00 a 19:30 horas e os domingos, de 11:00 a 18:00 horas.

Por outra banda, a Casa dos Mosaicos permanecerá aberta ao público de martes a sábado de 11:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 19:30 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. A Domus do Mitreo, a sala expositiva Porta Miñá e o Centro Arqueolóxico de San Roque terán as súas portas abertas de xoves a sábado de 11:30 a 13:30 horas e de 17:00 a 19:00 horas, e os domingos, de 11:30 a 13:30 horas.

Por último, o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), manterá as súas instalacións abertas de martes a sábado de 11:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 19:20 horas, e os domingos de 17:00 a 20:00 horas.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o balance do XVI Mostra de Teatro Clásico|Descargar mp3