Os centros de convivencia do Concello acollen unha serie de charlas sobre alimentación e nutrición ante problemas de saúde

Martes, 16 de abril de 2013
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo, a través da área de Benestar Social e Igualdade e formando parte do programa de animación sociocultural para os meses de abril e maio do presente ano 2013, organiza unhas charlas-obradoiro, abertas a todo o público e gratuítas, co título O médico púxome a dieta.

Estas charlas, eminentemente prácticas e participativas, pretenden ser unha axuda para todas aquelas persoas que por motivo de saúde teñen que iniciar cambios na súa forma de alimentación. A primeira destas charlas ten lugar hoxe no Centro de Convivencia de Fingoi ás 19:00 horas baixo o título As claves psicolóxicas e nutricionais de estar a dieta.

Dende a área de Benestar Social informan que tamén se van celebrar charlas informativas en todos os centros de convivencia do Concello ao longo dos próximos meses, polo que a seguinte será o xoves 25 de abril ás 19:00 horas no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra. Tamén haberá o mércores 8 de maio ás 18:00 no Centro de Convivencia María Balteira, e o xoves 16 de maio, tamén ás 18:00, no Centro de Convivencia de Lamas de Prado.

A primeira delas ten lugar esta tarde e nela trataranse temas como as emocións negativas e positivas fronte á comida, que significa comer de xeito saudable ou os diversos trucos para adaptarse ás indicacións médicas en caso de hipertensión, diabetes ou obesidade entre outros problemas. As encargadas de impartir a charla son Marta González, psicóloga, e Lidia Carballo, bióloga e experta en nutrición.

Multimedia