O Concello de Lugo logrou un superávit de máis de 9 millóns de euros en 2013

Jueves, 27 de marzo de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Sonia Méndez anuncia que en 2014 o Concello non pedirá ningún crédito, por terceiro ano consecutivo, de xeito que baixará máis aínda o endebedamento municipal

A Concelleira de Economía destaca que o Goberno de Orozco diminuiu á metade a débeda que deixou en herencia o Partido Popular

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez,  deu a coñecer hoxe que o resultado presupostario do Concello de Lugo en 2013, volveu ser, un ano máis, positivo, xa que o exercizo económico da Administración local acabou cun superávit de máis de 9 millóns de euros.

 “O feito de que tiveramos un superávit de máis de 9 millóns significa que fixemos un bo presuposto e axustamos ben o gasto durante todo o ano”, salientou Sonia Méndez e explicou que “elo é o resultado dunha xestión prudente, algo que moitos non poden dicir, xa que nin a Xunta nin o Estado foron quen de pechar con superavit, os dous gobernos do PP acabaron 2013 con déficit”.

A Concelleira de Economía anunciou tamén que este ano, de novo, o Concello non terá que contraer ningún crédito bancario para financiar investimentos.

“Grazas a superávit no Concello poderemos facer fronte ás necesidades de Lugo sen ter necesidade de endebedarnos, porque fomos prudentes no gasto e aforramos, e, ademais este ano, por fin, o Goberno accedeu ó que tantas veces reclamamos os concellos e o PSOE e poderemos financiar con remanentes os capítulos de investimento”, explicou Méndez.

En todo caso, a Concelleira de Economía aproveitou para denunciar que o Goberno “segue sen permitirmos, como reclama o PSOE, que eses remanentes tamén se poidan usar para atender o gasto social, que vai en aumento e que é para nós o capítulo fundamental e prioritario neste momento de crise e de tantas necesidades para moitas familias”.

O Concello de Lugo está no reducido número de administracións que ten a oportunidade de financiar investimentos con remanentes xa que, tal e como salientou Sonia Méndez, “ninguén nos regalou nada, temos esa posibilidade porque cumprimos as condicións que marca o Goberno que só autoriza ás administracións, como a nosa, que estamos moi por debaixo dos límites de débeda establecidos”.

“Esa é unha condición que pon o Goberno ás administracións para que poidan botar man do excedente orzamentario e, afortunadamente, o Goberno de Orozco, conseguiu reducir á case a metade a débeda herdada do Partido Popular mentres outros que presumen de boa xestión, como Feijóo, duplicaron a débeda herdada do Goberno de Touriño”, declarou a Concelelira de Economía.

Sonia Méndez anunciou que o vindeiro luns haberá unha Xunta de Goberno Local extraordinaria para que o Goberno aprobe o antes posible os primeiros investimentos que se financiarán con remanentes para que dea tempo a aprobación no Pleno de abril.

Nesta primeira fase irán os investimentos precisos para atender as necesidades máis urxentes para o funcionamento diario e, na segunda, prevista para o Pleno do mes de  maio, incluiranse obras tanto na cidade como na zona rural, que se programarán atendendo as peticións veciñais e mesmo as da oposición, que xa se incluiran no Proxecto de Orzamentos que os grupos da oposición se negaron a aprobar.

A Concelleira de Economía tamén anunciou que a semana darase comprida información da liquidación orzamentaria de 2013 na reunión que celebrará a Comisión de Contas.

Multimedia