O Concello de Lugo convoca a segunda convocatoria de axudas para o aluguer por importe de 150.000 euros

Lunes, 04 de agosto de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Terán prioridade os sectores sociais máis perxudicados pola situación económica como os desempregados ou as familias monoparentais 

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, anunciou unha nova convocatoria das subvencións que concede o Concello para alugamento de vivendas e da que se publican as bases hoxe no Boletín Oficial da Provincia.
O prazo para solicitar estas axudas será de trinta dias naturais dende a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, previsto para finais de semana, e poden presentalas no Rexistro da Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo (EVISLUSA), na rúa Quiroga Ballesteros, ou no Rexistro Xeral do Concello. 
González Abelleira explicou que “o obxecto das axudas é financiar parcialmente o alugamento de vivenda destinada a domicilio habitual das persoas coa finalidade de facilitarlle o acceso á unha vivenda digna”. Neste sentido, tamén explicou que na concesión destas axudas terán preferencia as persoas que sexan obxecto dun desafiuzamento, familias monoparentais, persoas discapacitadas, mulleres vítimas de violencia de xénero e desempregados. 
A subvención concédese por un período inicial de 12 meses, prorrogable ata un máximo de doce meses máis, e cubren ata un máximo do 50% dos alugueres que non superen os 350 euros mensuais. O Concello dispón para esta segunda convocatoria unha cantidade inicial de 150.000 euros, que se suma á consignada para a prórroga do ano anterior por importe de 206.108 euros.
A responsable da área de Benestar Social sinalou que nos últimos anos aumentou considerablemente a demanda e por iso, o Concello, atendendo as solicitudes tamén aumentou o orzamento dirixido a esta actividade. Así, no ano 2008 o orzamento consignado era de 90.000 euros e o número de beneficiarios foi de 63, pero os datos do 2013 son que a cantidade consignada era de 299.000 euros e o número de beneficiarios foi de 135 unidades familiares. 

Multimedia