O Concello de Lugo aproba investir máis de 330.000 euros en formación para desempregados

Miércoles, 30 de julio de 2014
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Goberno local tamén acordou executar unha sentenza que lle deu a razón ó Concello e penalizará con case 19.000 euros os retrasos na rehabilitación da Ponte romana

O emprego foi o protagonista dos principais acordos adoptados este mércores pola Xunta de Goberno Local, segundo anunciou o Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, xa que se aprobaron medidas que supoñen un investimento total por importe de máis de 330.000 euros para mellorar a formación de lucenses desempregados.

Álvarez deu conta de que o Goberno local aprobou hoxe a execución do Obradoiro de Emprego “Arqueo Lvcvs”, que suporá un investimento de 204.318 euros, e tamén se deu o visto e prace á licitación de 14 novas activiades formativas do programa Lugo Emprego Activo 2, cun presuposto total de 126.550 euros. 

A Xunta de Goberno local aprobou, fóra da orde do día, a execución do novo Obradoiro de Emprego, “Arqueo Lvcvs”, do que se beneficiarán 23 alumnos/as traballadores e que terá unha duración de seis meses.

Este Obradoiro de Emprego promóvese dende a Axencia de Emprego do Concello de Lugo en colaboración co Servizo Municipal de Arqueoloxía, subvencionado pola Consellería de Traballo e Benestar, para formar e insertar laboralmente a 23 desempregados. 

“Arqueo Lvcvs” ofrecerá tres especialidades: Xestión do Patrimonio Documental, Técnico en dixitalización de documentos e Técnico en dixitalización 3D do Patrimonio Histórico. 

 

Os traballos que realizarán os alumnos/as traballadores durante o período de formación consistirán na dixitalización e posta en valor de parte do patrimonio histórico de Lugo. 

O Voceiro do Goberno local tamén informou da licitación de 14 novas actividades formativas de Lugo Emprego Activo 2, que beneficiarán a 210 desempregados de Lugo. Concretamente, aprobáronse os pregos para contratar a docencia especializada, mediante 14 lotes, dentro deste proxecto de emprego que cofinancia nun 80% pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo e o 20% a cargo do Concello de Lugo.

O valor total estimado deste contrato de servizos ascende á cantidade de 126.550 euros, IVE incluído, correspondendo  a cada lote o seguinte orzamento:

Lote 1.- Monitor de turismo activo: 4.900 euros.

Lote 2.- Atención socio-sanitaria a persoas dependentes en institucións: 11.100 euros.

Lote 3.- Monitor de ludotecas: 4.800 euros.

Lote 4.- Enquisador: 3.600 euros.

Lote 5.- Elaboración de produtos lácteos: 7.500 euros.

Lote 6.- Técnico en transporte sanitario: 8.700 euros.

Lote 7.- Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes: 11.700 euros.

Lote 8.- Atención socio-sanitaria a persoas no domicilio: 14.400 euros.

Lote 9.- Impresión dixital: 11.200 euros.

Lote 10.- Coidador/a de persoas dependentes e enfermas de alzheimer: 5.400 euros.

Lote 11.- Operacións básicas de cátering: 10.500 euros.

Lote 12.- Acabado de carpintería e moble: 20.500 euros.

Lote 13.- Operacións básicas de restaurante e bar: 5.250 euros.

Lote 14.- Operacións auxiliares de montaxe de redes eléctricas: 7.000 euros.

As accións formativas realizaranse dende a data de formalización do contrato administrativo, con 5 horas/día en horario de mañá e/ou de tarde e a data de remate non excederá de marzo de 2015.

Luis Álvarez destacou ademais, que a contratación da docencia para o curso de Impresión dixital resérvase a Centros especiais de emprego. Os Centros Especiais de Emprego son empresas promovidas principalmente por asociacións de persoas con discapacidade e naceron en 1985 como fórmula para favorecer o acceso ó mercado laborar do colectivo de persoas con discapacidade.

Álvarez lembrou que “non é a primeira vez que o facemos, xa temos contratado outro curso cunha empresa de Cogami (Combina Social) e o Goberno de Lugo ten decidido seguir con esta importante liña de colaboración con entidades sociais” .

Penalidades rehabilitación da Ponte romana

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou hoxe a incoación dun expedente de incautación da garantía definitiva para responder das penalidades por incumprimento do prazo total de execución da obra de rehabilitación da Ponte romana, por un importe de 18.714,96 euros, en aplicación da sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 2. 

O Xulgado fallou a favor do Concello e desestimou o recurso contencioso-administrativo interposto pola mercantil Misturas Obra y Proyectos S.A. contra a resolución do Concello de Lugo de data 30 de setembro de 2013, que rexeitou o recurso de reposición presentado contra o acordo de 12 de xuño de 2013 no que se impuxeron penalidades por retraso na execución da obra, correspondente ó período comprendido entre o 1 de marzo ó 31 de abril de 2013. 

Este recurso foi ampliado á resolución de 4 de decembro de 2013  que impuña unha segunda penalidade polo período de 1 de maio ata o 13 de setembro e que igualmente se desestima. 

O Goberno local tamén acordou conceder o trámite de audiencia para a presentación alegacións por un prazo de dez días hábiles.

Contratación de dous programas de Educación

Por outra parte, Luis Álvarez anunciou que o Concello ten previsto adxudicar nesta semana dous programas que desenvolverá no vindeiro curso a Concellería de Educación.

O programa “Hortas na Escola”, retómase despois de que a reforma da Lei de Administracións Locais do Goberno de Rajoy impedira que o Concello o desenvolvera no pasado curso.

Este programa, que foi demandado por 13 centros educativos públicos e tamén se levará a cabo escolas infantís municipais, saiu a licitación cun prezo máximo de 23.127 euros e por un prazo dun ano prorrogable por outro. 

E o programa “Unha Escola Aberta”, de actividades e servizos de apoio ao comedor que leva a cabo a Concellería de Educación nos Centros Públicos de Educación Infantil e Primaria da cidade, saiu a licitación cun prezo do contrato máximo anual de 241.457 euros para a primeira anualidade.

A Mesa de contratación, que ten previsto adxudicar ambos os dous contratos, reunirase mañá, xoves. 

Multimedia