A Escola Municipal de Taekwondo conta cunha Subcampioa de España júnior

Jueves, 10 de enero de 2013
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e o Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, recibiron esta mañá a Subcampioa de España Júnior de Taekwondo, Sheila Fernández Bao, membro da Escola Municipal de Taekwondo.

López Orozco manifestou que “é un pracer ter unha Subcampioa de España con nós e que o conseguiu a base de esforzo e de adestramento” e felicitou tanto a ela como ao seu adestrador polo traballo realizado. Ademais lembrou que “os deportistas de éxito son o exemplo que seguen moitos outros rapaces e rapazas polo que é moi importante que se transmita que con traballo e esforzo se pode chegar lonxe”.

No acto, o Concelleiro de Deportes, presentou os novos petos electrónicos dos que disporán os alumnos da Escola Municipal de Taekwondo para os seus adestramentos. Estes petos son os mesmos que se empregaron nas competicións das Olimpíadas de Londres e que supoñen unha mellora no rendemento deportivo, segundo explicou Fernando Rubal, técnico da Escola. Este tamén explicou que actualmente a Escola Municipal de Taekwondo conta con máis de 100 alumnos que adestran a diario.

Pola súa parte, Sheila Fernández, explicou que leva nove anos no deporte e que adestra catro días a semana para poder acadar tan bos resultados, sen esquecer os estudios. Ademais, manifestou que cos petos electrónicos poderán mellorar o nivel dos adestramentos xa que ata o momento só tiñan petos de defensa persoal e non de puntuación.

Multimedia