Aprobado o proxecto de iluminación do tramo peonil da Ronda da Muralla

Jueves, 16 de agosto de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Lino González Dopeso informou que dende o pasado luns xa comezou a traballar na zona de San Lázaro o equipo de desbroces do Plan de Emprego

A Xunta de Goberno aprobou hoxe o proxecto de iluminación do tramo peonil da Ronda da Muralla, que complementa a dotación de mobiliario nesta zona, comprendida entre Bispo Aguirre e a Praza da Constitución. O obxectivo é “humanizar esta zona da cidade e substituír os coches por persoas”, explicou o tenente alcalde, o nacionalista Antón Bao na rolda de prensa posterior.

En total colocaranse 15 luminarias ornamentais de fundición neste tramo, acordes co entorno monumental onde estarán situadas, ao pé mesmo da Muralla. Substituíran ás actuais farolas que hai neste entorno, colocadas cando era unha vía de circulación para tráfico rodado. Así, a iluminación neste entorno adáptase aos seus novos usos como zona peonil. Isto suporá unha importante redución ademais do consumo enerxético, xa que se reduce a intensidade lumínica e as novas luminarias están dotadas de lámpadas de baixo consumo e sistemas de aforro enerxético que permiten reducir a intensidade dependendo da hora.

Este proxecto conta cun orzamento de 73.000 euros e levarase a cabo no mes de setembro, xunto coa colocación do mobiliario previsto, adxudicado á empresa lucense Calfensa por un importe de 60.000 euros. Colocaranse en total de 22 bancos con xardineira; 7 xardineiras e 7 papeleiras no tramo comprendido entre a Rúa Vilalba e a Praza da Constitución, adoptando este tramo a partir de agora un carácter peonil eminentemente peonil.

As obras levaranse a cabo no mes de setembro e a colocación de mobiliario e demais elementos neste tramo impedirán o estacionamento de vehículos neste entorno a partires do comezo do vindeiro curso escolar.

Política de recuperación e humanización de espazos públicos

Esta actuación de rexeneración do espazo urbano suporá “a mellora e humanización do tramo peonil da Ronda da Muralla”, destacou Antón Bao. Na actualidade dáse unha situación de coexistencia dos tráficos persoal e rodado. Para paliar esta situación e devolver ao cidadán un espazo concibido para o seu goce, plantéxase a humanización do tramo en cuestión mediante a colocación de distintas pezas de mobiliario urbano que inviten ao peón a facer un uso recreativo da zona. A partir de agora só se permitirá o acceso por esta rúa aos residentes do casco histórico, así como ao transporte público e vehículos de emerxencia.

Neste sentido, o Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, indicou que a maioría dos puntos tratados eran licenzas de obras salvo a proposta de encargo de intervención a EVISLUSA na admisión de solicitudes das subvencións das ITE e na instrución das mesmas, así como na fase de xustificación e pagamento das mesmas por un importe de 2.412,00 euros (IVE engadido).

Programa de Emprego
Por outro lado, o responsable da área de Medio Ambiente, manifestou que dende o pasado luns 13 de agosto xa están realizando os traballos de desbroce a empresa que participou no Plan de Emprego Local que puxo en marcha o Concello de Lugo para a contratación de persoas desempregadas de longa duración. Os traballos están previstos que sigan dende San Lázaro, ao barrio da Ponte, Acea de Olga, pasando por todos os barrios periféricos ata pechar un círculo entorno a cidade sen malezas.

Lino González indicou que, como xa o adiantara a principios de mes, “a primeira zona na que se ían a efectuar os desbroces era a de San Lázaro e no entorno do campo de fútbol Ángel Carro polo que o PP volveu mentir nas informacións publicadas en días pasados”. Ao respecto, tamén manifestou que a última limpeza total da zona se fixo a finais de xuño e destacou que “o que esa zona precisa é un mellor acondicionamento do campo de fútbol e unha inversión nel e iso só pode facelo o seu dono que é a Xunta”.

O Plan de Emprego ten un investimento total de 300.000 euros procedentes en exclusiva do Presuposto municipal, e a través do cal o Concello garante máis de 25 postos de traballo, 15 deles para parados de longa duración.

As empresas adxudicatarias ocuparanse, durante cinco meses, do mantemento de instalacións educativas, de rúas, zonas verdes e instalacións deportivas, así como de labores de desbroce na zona rural. O Concello de Lugo decide volver a ser un entidade innovadora e pioneira na loita contra o desemprego creando un plan experimental para o fomento do emprego.

Multimedia