O Día en Contra da Violencia de Xénero centra numerosas actividades da área de Igualdade durante o mes de novembro

Viernes, 16 de noviembre de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, presentou as actividades que se van a desenvolver entre os días 17 e 29 de novembro para conmemorar o Día Internacional en contra da Violencia de Xénero.

A responsable da área de Igualdade manifestou “que as administracións non deben deixar de lado os programas de igualdade e inserción porque poden causar graves consecuencias entre as mulleres que poden ser vítimas de violencia”.

Carmen Basadre explicou o programa que este ano se centra en concienciar á sociedade da importancia de protexer as vítimas de violencia de xénero e tamén estudarán como afectan os recortes realizados pola Xunta e o Goberno do Estado en materia de igualdade. As actividades comezan mañá sábado 17 cun obradoiro de papiroflexia baixo o lema Flexibles, non dobregadas, impartido pola asociación Enriqueta Otero.

O mércores 21 de novembro no salón de actos do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra desenvolverase ao longo de todo o día diferentes actividades. Estas comezarán as 09:30 cun obradoiro de formación en prevención da violencia de xénero dirixido ás persoas profesionais con interese no tema e público en xeral. Necesítase inscrición previa que se realizará a través do 010. Ás 17:00 horas haberá un conferencia sobre Factores do empoderamento e protección das mulleres contra a violencia de xénero impartido pola especialista Carmen Cajide Hervés. A continuación, ás 18 horas, comezará unha segunda conferencia baixo o título de Como afecta a crise e os recortes á violencia de xénero que impartirá a sindicalista Carmen Brea. Por último, ás 19 horas, a psicóloga Laura López López falará sobre a repercusión e As vítimas invisibles da violencia de xénero.

O domingo 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, ás 12:00 horas, levarase a cabo a tradicional ofrenda floral na praza de Santo Domingo como homenaxe ás mulleres vítimas de violencia ademais da lectura do manifesto gañador das Olimpíadas da Igualdade no que participaron os clubs deportivos da cidade. Ao rematar inaugurarase na Praza Maior o Yarn Bombing contra a violencia de xénero co que se cubrirán en tons violetas as árbores e as esculturas da Praza Maior.

Pero as actividades de sensibilización non rematan ata o xoves 29 de novembro na que se celebra entre as 17:00 e as 20:00 unha Xornada Empresarial Sobre Conciliación e Racionalización de horarios na que Cristina Justo, consultora de xénero e Marcela Praga, avogada e coach, ensinarán cales son as mellores decisións para poder compaxinar vida familiar e o desenvolvemento profesional.

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude tamén lembrou que ao longo de todo o mes de novembro se porán en marcha iniciativas para concienciar contra a violencia de xénero. Así, nas competicións deportivas que se celebren na cidade, os capitáns dos equipos lucirán un brazalete co lema STOP á violencia de xénero e ao inicio de cada partido repartiranse lazos violetas entre os asistentes e gardarase un minuto de silencia en lembranza de todas as vítimas da violencia de xénero. Tamén no ámbito dos máis pequenos se levarán a cabo actividades de sensibilización durante a última semana de novembro a través do programa Aprende Xogando a través de contacontos didácticos.

Para a zona rural tamén se programaron actividades que se van celebrar tanto o xoves 22 como o venres 23 ás 16:30 horas, nos centro de dinamización de Beade e de San Xoán do Campo, respectivamente, un obradoiro de formación en prevención da violencia de xénero.

www.lugo.es/ws/casadamuller

 

Multimedia