O Concello traballa na elaboración dunha ordenanza que permita obter as licenzas de obras menores no momento de solicitalas

Viernes, 31 de agosto de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Urbanismo, Luís Álvarez, informou esta mañá que o Concello de Lugo está traballando na elaboración dunha ordenanza que vai regular o procedemento para a obtención de licenzas para obras menores.

Luís Álvarez manifestou que “este é un avance máis na rapidez de resposta da administración e que vai simplificar moito as tramitacións aos cidadáns tendo en conta que o número de obras de mantemento é moi elevado” e que ata o momento estaban suxeitas a agardar uns días pola resposta.

Neste sentido, explicou que esta medida será posible porque nos últimos meses publicáronse diferentes normativas estatais e autonómicas que permiten a apertura de locais comerciais sen necesidade de solicitar as licenzas de apertura e de obra, sempre que presenten unha declaración de responsabilidade do técnico redactor do proxecto, e tamén que os concellos poidan decidir se queren simplificar ou non a concesión das licenzas para obras menores. Así, Álvarez, manifestou que esa é a idea que o Concello quere reflectir na ordenanza, “que os veciños e veciñas poidan solicitar a licenza de obras menores e poder concedela no momento, sempre que leven a información necesaria.” Ademais dende a área de Urbanismo preténdese que todas aquelas obras que precisen de autorización para a ocupación de vía pública, como poden ser andamios, xa se obteñan no momento da solicitude.

Con estas medidas aforrarase tempo de espera para os cidadáns, e daráselles unha maior seguridade legal ao non ter que estar pendentes dos prazos, tendo en conta que as obras menores son de mantemento e de pequena entidade, como o cambio de tellados ou pintura de fachadas. Enténdese que é unha oportunidade de mellora porque a administración confía nos cidadáns e nos técnicos que elaboran os proxectos xa que na ordenanza se substituíran determinados procedementos que ata o de agora estaban suxeitos a licencia por unha declaración responsable.

Multimedia