Preto de 2.000 rapaces e rapazas participaron no programa Previlugo 2011-2012

Jueves, 12 de julio de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Carmen Basadre anuncia novos obradoiros sobre as redes sociais e a procura de emprego para o próximo curso

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, informou do éxito de participación acadado polo programa de prevención Previlugo levado a cabo durante o curso 2011-2012 e no que participaron 1.740 rapaces e rapazas. Os obradoiros desenvolvéronse en 8 centros educativos da cidade e tiveron como destinatarios aos alumnos e alumnas de entre 12 e 19 anos.

Carmen Basadre destacou, deste programa consolidado que comezou no 2001 e que considera “unha ferramenta moi importante para traballar cos rapaces e co propio profesorado para que sirvan como ferramenta naquelas situacións que o propio profesorado vexa necesario”. Durante este curso escolar leváronse a cabo os seguintes obradoiros: Educación afectivo-sexual, Resolución de conflitos, Consumo responsable, Orientación Laboral, Técnicas de estudo, Culturas para convivir e Habilidades sociais. A Concelleira destacou que do total das 348 horas impartidas, os cursos que máis demanda tiveron foron o de Técnicas de Estudo, Resolución de conflitos e Orientación Laboral.

O obxectivo principal deste programa é a educación en valores que o Concello pretende achegar aos estudantes da ESO e Bacharelato de Lugo. Esta formación distribúese en obradoiros centrados en diferentes temáticas, sendo os propios centros de ensino os que elixen aqueles que mellor se adaptan ás necesidades do seu alumnado. Ademais evítase a repetición de obradoiros ofertados por outras dependencias municipais referidos á prevención de violencia de xénero e educación en igualdade conseguindo diversificar os temas que se lles ofrece aos alumnos. Carmen Basadre avanzou que para o próximo curso se van incorporar novos obradoiros relacionados coas redes sociais e a busca de emprego “e que pensamos que poden ser de moita utilidade para os rapaces e rapazas”.

Os Institutos de Educación Secundaria de Lugo que participaron no programa,durante este curso foron o IES Lucus Augusti, IES As Mercedes, IES Muralla Romana, IES Sanxillao, IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, IES Xoán Montes, IES Politécnico e o IES Leiras Pulpeiro.