O Concello de Lugo rematou o ano 2012 cun superávit de 4,8 millóns de euros

Miércoles, 10 de julio de 2013
Fuente: 
Gabinete de Prensa
Sonia Méndez deu a coñecer que as transferencias para investimentos por parte da Xunta de Galicia diminuiron un 38% e do Goberno do Estado un 73%
O Concello acabou o ano 2012 cun superávit de 4,8 millóns de euros segundo informou a Concelleira de Economía, Sonia Méndez, na Comisión de Contas celebrada esta mañá e que se presentará na sesión plenaria do mes de setembro.
Sonia Méndez explicou que o Goberno Local tiña a intención de empregar ese superávit en obras e actuacións de interese no municipio pero “o Goberno Central bloqueou a utilización deses fondos a pesares de que os concellos teñan unha economía saneada como é o noso caso”. Neste sentido, incidiu en que o Concello de Lugo súmase ás reclamacións feitas pola FEMP para que se dé unha solución a este bloqueo económico.
“A situación actual é que non nos permiten usar esa cantidade e non estamos de acordo en que se nos impoñan uns límites que non se impón o propio Goberno Central nin ás Comunidades Autónomas” sinalou a responsable da área económica e incidiu en que “nos gustaría que predicaran co exemplo e ambas administracións pechasen as súas contas con superávit e non con déficit como o fixeron no 2012”.
Outro dos datos destacados da Conta Xeral é o bo comportamento por parte dos contribuintes lucenses xa que pagan os seus tributos con regularidade polo que o índice de morosidade case non variou. Os que non tiveron tan bó comportamento foron a administración autonómica e estatal que reduciron significativamente as súas transferencias para inversións no Concello de Lugo. Así, no ano 2012, a Xunta de Galicia reduce as súas tranferencias a unha cantidade mínima, 374.000 euros, un 38% menos que no ano anterior. No caso do Goberno Central aínda é peor xa que nun ano reduciuse un 73%, ingresando unicamente 1.200.000 euros correspondentes coas obras de rehabilitación da Ponte Romana e que xa estaba comprometido polo goberno de Zapatero sendo ministro José Blanco.
A Concelleira de Economía sinalou que “as transferencias de ambas administracións no Concello de Lugo reducíronse á mínima expresión e estamos chegando a limites que nunca pensamos que se ía chegar, e ademais se temos encontrar que o ano 2012 foi ano electoral para a Xunta aínda peor”. Pero tampouco a Xunta leva a cabo moitas das obras prometidas e realizadas directamente por ela como poden ser o Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando, a iluminación do adarve da Muralla ou a prometida cidade dos artesáns no barrio da Tinería da que non se sabe nada, entre outras, todas elas de suma importancia para atraer a novos turistas e para fomentar o emprego.