Comeza a redacción da documentación para a aprobación do 5% do PXOM

Martes, 07 de agosto de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Urbanismo destacou a unanimidade dos grupos políticos á hora de aprobar as modificacións recomendadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

O Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, informou esta mañá que no prazo aproximado dun mes estarán a disposición dos grupos políticos e da Comisión de Planeamento a redacción dos axustes necesarios para a aprobación final do 5% do PXOM que falta.

O Concelleiro de Urbanismo informou que ata hai unha semana a Secretaría Xeral de Urbanismo non se puxera en contacto co Concello para marcar os parámetros para as modificacións a realizar nos núcleos rurais e urbanizables a pesares de ter a documentación no seu poder dende o pasado 24 de abril. Desta maneira, programouse a reunión co equipo redactor para comezar a plasmar eses axustes e contar con documento final na maior brevidade posible. Álvarez explicou que para a elaboración desa documentación se basearon en criterios obxectivos e a metodoloxía que levaron a cabo.

“Foi un traballo de moitas horas” segundo confirmou o edil socialista que se referiu a que “houbo que comprobar que os motivos que alegaba a Xunta se axustaba ou non á realidade” dando como resultado que 31 dos núcleos debían ser modificados e os 32 restantes non sofren modificacións ao considerarse que están ben delimitados. Para chegar a esta conclusión demarcouse un espazo entorno a cada vivenda tradicional de 50 metros, como marca a Lei de Solo, e 200 metros para a delimitación das áreas de expansión dos propios núcleos polo que “tendo en conta as miles de vivendas que hai na zona rural significou a inversión de moitas horas de traballo”.

Con respecto aos urbanizables a delimitación destes terreos estaban paralizados porque a Consellería de Medio Ambiente entendía que invadían terreos con especial protección de augas, ou valores agrícolas e forestais. Para isto, Luis Álvarez, explicou que “os esforzos centráronse na busca de criterios obxectivos para comprobar se efectivamente o que se nos dicía se axustaba ou non a realidade”. Desta maneira, empregouse unha ferramenta actualizada que se chama Sistema de Información de Ocupación do Suelo de España (Siose) do Instituto Xeogradico Nacional e que permite trasladar aos planos todas as áreas de protección e clasificación que aporta este sistema e “en función do resultado recórtanse ou non a superficie dos urbanizables.”

“Nesta reunión tiveron presencia todos os grupos políticos invitados polo equipo de goberno coa finalidade de dar a máxima transparencia posible e que se puidese comprobar que o que se trasladaba ao equipo redactor eran os acordos aos que se chegaron nas distintas reunións da Comisión de Planeamento” segundo deu a coñecer Luis Álvarez. Ademais, manifestou que “con isto iníciase xa dunha forma definitiva a andaina do ultimo traxecto do plan para a aprobación completa” e quixo resaltar “a unanimidade de todos os grupos políticos á hora de aprobar estas modificacións que fixemos.”

www.lugo.es/ws/pxom

 

Multimedia