A empresa Decathlon empregará a máis de 70 persoas na tenda que vai abrir no parque das Gándaras

Lunes, 30 de julio de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, participou hoxe na presentación que fixo a empresa Decathlon a persoas que aspiran a traballar no novo centro que abrirá esta firma en Lugo.

A presentación realizouse nas instalacións do CEI-Nodus e nela participou Javier Díaz, o director do establecemento que abrirá nos próximos meses na nosa cidade.

A Concelleira de Economía explicou que o Concello facilitoulle á empresa as instalacións do CEI estes días para que poida facer nelas as presentacións da empresa ós candidatos a un posto de traballo porque “apoiar a creación de novas empresas en Lugo é contribuír á xeración de emprego na cidade”. Na mesma liña, Méndez lembrou que “o Goberno local axuda ás empresas que se instalen no novo polígono das Gándaras coa bonificación do 50% do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras”. Precisamente, Decathlon foi a primeira empresa que se beneficiou desta bonificación que puxo en marcha o Concello para captar industrias e postos de traballo no parque das Gándaras.

Sonia Méndez tamén lles explicou ós aspirantes a traballar en Decathlon que, se non conseguen finalmente un emprego nesta empresa, dispoñen dos servizos municipais do Espazo>lab onde poden recibir asesoramento na procura dunha saída laboral.

A firma Decathlon, que pertence ó grupo empresarial Oxylane, ten previsto contratar entre 70 e 80 persoas en Lugo para ocupar postos de vendedor na nova tenda que abrirá no polígono das Gándaras. Logo das presentacións que está a facer nas instalacións do CEI-Nodus levará a cabo o proceso de selección do persoal entre as máis de 2.000 candidaturas que recibiu, segundo explicou Javier Díaz.

CEI-NOdus cei.lugo.es Espazo>lab www.lugo.es/espazolab

 

Multimedia