Comeza a mostra de Vellos Oficios Vivos

Lunes, 09 de julio de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Paz Abraira cualificou os Vellos Oficios Vivos “como un exemplo de oportunidade económica sostible nestes tempos de crise”

Durante os meses de verán lucenses e turistas poderán disfrutar da mostra dos Vellos Oficios Vivos que se celebrará de novo todas as fins de semana do 7 de xullo ao 2 de setembro (excepto a fin de semana do 14 e o 15 de xullo) nos soportais do fondo da Praza Maior. Esta mostra foi inaugurada hoxe coa presenza da edil de Infraestruturas e Axenda 21 do Concello de Lugo, a nacionalista Paz Abraira. Abraira destacou que “ademais da parta de exhibición que nestas xornadas poderemos ver todos estes oficios son un exemplo de oportunidade económica sostible nestes tempos de crise”.

Ademais de ofrecer un tempo de lecer, esta actividade ten como obxectivo converterse nunha mostra de referencia da artesanía tradicional galega que sirva de plataforma de difusión e promoción dos oficios autóctonos que seguen a desenvolver veteranos mestres e que herdan os novos artesáns. “Trátase de contribuír a evitar a extinción dunhas artes propias da cultura galega e abrir á xente moza novas posibilidades de emprego nestes oficios”, destacou Paz Abraira.

Durante todo o verán, en pleno centro de Lugo, tres asociacións culturais especializadas na recuperación da cultura popular e un total de 34 artesáns de distintas disciplinas como a olería, a cestaría, a ferrería, o traballo tradicional de tecidos como a la ou o lino, tallistas de madeira, pizarra e vidro, zoqueiros e un zapateiro chegados de toda Galiza mostrarán en directo os seus métodos de traballo e realizarán obradoiros para o público que desexe participar co fin de ensinar as técnicas do traballo artesán. O horario das demostracións ao vivo é de 11:00 a 14.30 horas e de 17:00 a 21.30 horas.

Como novidade este ano, para completar a actividade desenvolveranse cinco xornadas especiais que consisten na exaltación de distintos elementos da cultura tradicional galega, en espacial dos vellos oficios agrarios e da vida no rural:

* Homenaxe e recuperación dos Vellos oficios da aldea coa que se inaugura a actividade o día 7 de xullo. A asociación “Grupo de recuperación da tradición oral” de San Tirso de Abres, especializada na recuperación dos oficios artesanais, ese día vai dar vida a unha auténtica aldea tradicional. Un carpinteiro ambulante amosará aperos de labranza, un torneiro fabricará instrumentos musicais e as fiadeiras representarán o ciclo da la. Tamén participarán un zoqueiro, un zapateiro, un campaneiro e dous serradores. Ademais, dúas mulleres ensinarán o amasado de pan tradicional e a fabricación de xabóns artesanais.

* Xornada de xogos tradicionais o domingo 8 de xullo. Con esta xornada trátase de recuperar os xogos antigos e achegar aos nenos o modo de diversión que tiñan os nosos antergos cos elementos que atopaban na natureza e no contorno habitual dos fogares. Nesta ocasión a actividade será dirixida por Manuel García Fernández, un carpinteiro de Lourenzá que ten na súa casa unha importante colección de xoguetes antigos restaurados por el mesmo e que é coautor, xunto a Xosé López González, do libro Os xoguetes esquecidos publicado por Edicións A Nosa Terra. Nesta xornada, Manuel realizará obradoiros de fabricación de xoguetes con paos, follas de árbores e outros materiais da natureza. Tamén traerá xoguetes antigos para que nenos e maiores compartan os xogos dos avós.

* Representación da Festa da Malla os días 11 e 12 de agosto. Con esta actividade vaise representar unha malla tradicional xunto a distintos oficios tradicionais vinculados ao campo como un ferrador de cabalos e un esquilador de ovellas. Tamén haberá personaxes que animaban a festa como os cantares de cego. Co fin de pór en valor toda a tradición que rodeaba á malla celebraranse pequenas charlas explicativas que achegarán ao público esta tradición do campo galego. Esta actividade será coordinada pola Federación Rural Galega (Fruga).

* Tamén será un día especial o 28 de xullo, coa presenza de tres mestres artesáns que suman máis dun século de veteranía entre os tres e que se chamará o Día dos Vellos Mestres. Serán o ferreiro da Fonsagrada Oliverio Álvarez, o teitador Manuel Rodríguez, do Rosal, e o canteiro Ramón Villar, de Guitiriz.

* Por último, a xornada das Artes do mar que clausura a mostra dos Vellos Oficios Vivos o domingo 2 de setembro. Será un día dedicado aos artesáns dos oficios da mar como son as redeiras e os carpinteiros da ribeira. Para esta actividade contarase coa presenza da Asociación de redeiras Cabo de Burela que son traballadoras especializadas na fabricación de redes de pesca e anzuelos e manteñen a técnica tradicional deste vello oficio e co carpinteiro da ribeira Francisco Fra.

Multimedia