Vintecinco rapazas aprenderán a arbitrar nun curso que organizan o Concello, a Asociación de Mulleres Árbitras e a Federación Galega de Árbitros de Fútbol Sala

Martes, 03 de julio de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

Carmen Basadre destaca que o apoio ó deporte feminino é un dos obxectivos do III Plan de Igualdade do Concello de Lugo

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, acompañada por Noemí Bello, Presidenta da Asociación de Mulleres Árbitras e Secretaria da Federación Galega de Árbitros de Fútbol Sala, e a Pilar Edrosa, Secretaria de AMA, presentaron hoxe un curso de arbitraxe para mulleres.

Carmen Basadre explicou que esta actividade ten o propósito de ofrecerlles unha alternativa ás mozas que non realizan actividades físicas ó tempo que se promove unha práctica deportiva igualitaria co apoio ó deporte feminino, que é un dos obxectivos que se marcan no III Plan de Igualdade do Concello de Lugo.

 Vintecinco rapazas maiores de 16 anos de idade poderán obter o carné profesional de árbitras de fútbol sala neste curso, gratuíto, que constará de clases teóricas e prácticas e de diversas probas físicas. A duración do curso será a mesma da tempada deportiva. Comezará entre finais de agosto e principios de setembro e rematará en maio do ano que vén, cando rematan as competicións deportivas. As asistentes terán clases dous días a semana, os xoves serán as clases prácticas no campo de fútbol municipal do Palomar e os venres impartiranse as clases teóricas en Sargadelos. 

O curso de arbitraxe de fútbol sala será impartido por profesorado experto da Federación Galega de Árbitros deste deporte, que é o único autorizado para dar este tipo de formación e farao gratuitamente. O Concello adica a esta actividade un presuposto de 2.000 euros para gastos de seguro médico, vestiario e material didáctico.

O prazo de inscrición comezará o 15 de agosto e poderase facer na Oficina de Información Xuvenil, situada no Centro cívico Uxío Novoneyra, e na sede da Asociación de Mulleres Árbitras, na rúa Eduardo Pondal 4-2º. Tamén se poderá solicitar información no teléfono 010.

Multimedia