A cuarta proba da Copa Galega de Promoción de piragüismo disputase en Lugo este domingo coa participación de máis de 300 nenos e nenas

Jueves, 20 de junio de 2013
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío, e o Delegado da Federación Galega de Piragüismo en Lugo, Martín Carballo, presentaron hoxe a cuarta proba da XVIII Copa Galega de Promoción que se disputará este domingo, día 23, na área recreativa Os Robles.

O Concelleiro de Deportes destacou a importancia que ten a celebración desta proba en Lugo que “congregará a centos de rapaces que practican o piragüismo, un deporte que ten moita tradición na nosa cidade”.

Grandío tamén agradecu a Martín Carballo “o esforzo que fai por manter vivas as  actividades vinculadas ó piragüismo”, como esta proba, que se disputa en Lugo por segundo ano consecutivo, e lembrou que o Concello ten aberto o prazo de inscrición para as escolas de verán de piragüismo conveniadas co Clube Fluvial desde hai varios anos e que xa están a dar froitos.

Pola súa parte, o Delegado en Lugo da Federación Galega de Piragüismo destacou a importancia que ten a celebración, na nosa cidade, desta proba da Copa Galega de Promoción “para acadar unha maior difusión deste deporte, que ten un arraigo moi grande en Lugo”. Tamén indicou que “este esforzo non é posible sen o apoio das institucións, neste caso o Concello”.

Na cuarta proba da XVIII Copa Galega de Promoción compiten nenos e nenas de toda Galicia, xa que se disputa nas categorías infantil A e B, tanto en Canoa (Cl) como en Kaiak.

A proba consta dun percorrido de 3.000 metros, en dúas voltas de 1.500 metros, cun total de seis saídas. A primeira será ás 11 horas e a última, aproximadamente sobre as 13.30.

Nesta competición participarán 307 deportistas pertencentes a un total de 37 clubes procedentes de toda Galicia. Dous dos clubes son do Concello de Lugo; o Fluvial e o Clube Piragüismo Cidade de Lugo.

Multimedia