Máis de 25 traballadores terán garantido un emprego durante cinco meses grazas ó Concello de Lugo

Lunes, 30 de julio de 2012
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, anunciou hoxe a adxudicación a cinco empresas de Lugo das actuacións contempladas no Plan de Emprego que pon en marcha o Concello para fomentar o emprego na nosa cidade, Este programa, que substitúe ó Plan Piles, está financiado só con cartos municipais e dará traballo a máis de 25 persoas durante cinco meses.

Méndez destacou que o Concello toma a iniciativa ante a falta de programas de inserción laboral da Xunta de Galicia, que é a administración con competencias para facerlle fronte ó paro, que volveu medrar en Galicia, segundo os datos da EPA coñecidos hoxe. 

O Goberno local puxo en marcha este Plan de Emprego para “suplir a falta de programas de inserción laboral da Xunta que, desgraciadamente, suprimiu, practicamente, todos os programas de emprego que podían beneficiar ás persoas paradas”, manifestou a Concelleira.

“Ante a inactividade da Xunta de Galicia e do Presidente Feijóo, os concellos, como o de Lugo, decidimos poñernos man a obra para paliar no posible o problema do paro, que volveu medrar en Galicia, segundo soubemos hoxe”, declarou Sonia Méndez e explicou que “por iso, o Goberno local decidiu contratar cinco empresas locais para facer distintos traballos coa obriga de que contraten desempregados de longa duración”.

Cun investimento de 300.000 euros procedentes en exclusiva do Presuposto municipal, o Concello garante máis de 25 postos de traballo, 15 deles para parados de longa duración.

As empresas adxudicatarias ocuparanse, durante cinco meses, do mantemento de instalacións educativas, de rúas, zonas verdes e instalacións deportivas, así como de labores de desbroce na zona rural.

Os labores de mantemento de centros escolares fóronlle adxudicados á empresa Obras y Servicios Lugo. Os de conservación de rúas, á firma Penas. Dos desbroces no rural o encargo vaise encargar a empresa Isidro y Blanco Trigo. O mantemento de instalacións deportivas foille adxudicado a Calfensa e os labores de conservación en zonas verdes, a José Fernández Cabado.