O Alcalde asiste á presentación da nova guía "...E para comer, Lugo" na Feira Internacional de Turismo en Madrid

Carmen Basadre agradeceu o traballo de promoción gastronómica que realiza a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería 

Jueves, 29 de enero de 2015
Fuente: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde, José López Orozco, asistiu á presentación da nova guía … E para comer, Lugo que tivo lugar esta tarde na Feira Internacional de Turismo en Madrid. Neste acto participaron a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, o Presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería, Cheché Real, a Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, o Delegado de Cultura e Turismo da Deputación, Mario Outeiro, e a Delegada da Xunta, Raquel Arias. Esta presentación realizouse no stand de Galicia.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, agradeceu o traballo de promoción gastronómica que realiza a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería, aludiu ao papel deste sector na economía: “Lugo, unindo a súa natureza e os seus produtos xunto coa gastronomía, é un lugar imprescindible no norte de España e ten que ser un sitio de referencia para que nos veñan ver. Esa maridaxe é especial e, ademais, ten que seguir sendo así porque é un motor económico imprescindible para a nosa cidade”.

Pola súa banda, o Presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería, Cheché Real, resaltou a importancia de dispoñer desta ferramenta fundamental para facer promoción da provincia na súa totalidade. A guía ten unha tiraxe de 15.000 exemplares que se distribúen en establecementos hostaleiros asociados á Apehl, oficinas de turismo, albergues, feiras sectoriais e en todas as etapas da Vuelta Ciclista a España, ademais de contar cunha edición dixital na web www.eparacomerlugo.es.

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, destacou que “dende a Deputación de Lugo apostamos por establecer o turismo como un dos factores xeradores de riqueza, non só para a provincia, senón para o país”. Méndez explicou que moitos dos proxectos que se levan a cabo dende o organismo provincial están enfocados a “crear traballo e fomentar a contratación co fin de frear a sangría demográfica que está a sufrir a nosa provincia, que é eminentemente rural”.

O Delegado de Cultura e Turismo da Deputación, Mario Outeiro, fixo fincapé na oferta de servizos turísticos: “Na Deputación de Lugo estamos moi satisfeitos cos datos ofrecidos no 2014 pola Rede Museística Provincial”. Tamén a Delegada da Xunta, Raquel Arias, valorou positivamente a guía ao sinalar que é “un fantástico material do conxunto da provincia lucense”.