Xa está aberto o prazo de solicitude das axudas do Concello para alugamento de vivenda

Jueves, 13 de junio de 2013
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Benestar Social e Igualdade, que dirixe Ana González Abelleira, comunica que desde hoxe está aberto o prazo de solicitude das subvencións que concede o Concello para alugamento de vivendas.

O prazo para solicitar estas axudas estará aberto ata o día 12 de xullo e poden presentarse no Rexistro da Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo (EVISLUSA), na rúa Quiroga Ballesteros, ou no Rexistro Xeral do Concello.

O Concello dispón este ano dunha cantidade inicial para estas axudas de 149.000 euros, se ben esta cifra poderá ser incrementada en función das necesidades que se produzan se aumenta o número de solicitantes.

O Concello facilitou este tipo de axudas a 93 familias con cargo á anualidade de 2011 e no 2012 o número de beneficiarios foi de 105. Máis da metade das familias que recibiron esta axuda pagaron con ela a metade do importe do alugueiro da súa vivenda e a media do que abonou o Concello a cada beneficiario foi de 113,60 euros ó mes.